O Concello de Padrón
 deu a coñecer hoxe o programa das festas do Santiaguiño do Monte, que 
inclúe unha vintena de actividades. Entre elas, distintas actuacións de 
estilos musicais (pop, rock, folk, jazz e música
 electrónica) e espectáculos de maxia e teatro infantil para un público 
máis familiar. No apartado institucional, o Concello distinguirá o día 
24 á directora da Axencia Turismo de Galicia, Nava Castro, como terceira Peregrina de Honra e recibirá o agasallo “Padrón, Berce do Xacobeo“.
As
 actividades previstas arrancarán este venres ás oito e media da 
tarde coa actuación de Perfect Strangers (versións pop rock) na rúa 
Longa e continuarán ás 22.00 horas na Praza de Macías co espectáculo de 
teatro musical Carapuchiña vermella, a cargo de Educateatro Producións. 
Tamén dentro do ciclo “Música a pé de rúa”, o rap de Proyecto Khimera 
pechará a programación do venres cunha actuación na rúa Longa desde ás 
23.30 ata a 1.30 horas. As actuacións continuarán a fin de semana e o 
luns. 
Xa o día 24, víspera da romería 
do Santiaguiño do Monte, celebrarase a tradicional Misa do Peregrino ás 
13.00 horas na igrexa parroquial de Padrón e, ao remate, a directora da 
Axencia Turismo de Galicia recibirá o galardón Padrón, Berce do 
Xacobeo como terceira Peregrina de Honra.
Pola
 tarde, o día 24, será o tradicional derbi asnal, que comezará ás oito e
 media e, durante todo o día, haberá actividades vinculadas ao evento 
Asnot, que gaña protagonismo cada ano que pasa. Os promotores deste 
festival programaron para o mércores 24 oito actividades que 
comezarán ás dez da mañá coa apertura dunha casa de apostas no 
hipódromo, o cambio de moedas cuin, que os asistentes poderán cambiar 
nos puntos de troco e usar durante todo o día nas zonas Asnot. A partir 
das once da mañá haberá o paseo con burros A paso lento, polas rúas do 
casco vello e ás doce terá lugar o Bricasnot, un certame de saltos de 
burros con pau.
A música no Asnot chegará ás 
13,30 horas na sesión vermú a cargo de Dixie Jazz Band, que repetirá 
actuación ás 19,30 horas no hipódromo habilitado. Antes, sobre as sete 
da tarde, a raíña da Casa Real dará unha volta polas rúas e, pola noite,
 ás 22 horas Momo ofrecerá “o mellor tributo a Queen de Europa”. Ás doce
 da noite o grupo Broken Peach pechará coa súa música rock e soul o 
Asnot 2019. Nesta edición do evento, o Concello incrementa a súa 
colaboración coa organización, tanto no ámbito da loxística como 
economicamente. 
Pola súa banda, ás dez e media da noite do día 24, a praza de Fondo de Vila acollerá o concerto de Milladoiro, que presenta o seu disco Atlántico e ás 24.00 horas, o de Mitic.
A animación continuará de 
madrugada co festival de música electrónica Open Air Santiaguiño do 
Monte, que incluirá a partir das 4.00 horas da madrugada unha sesión do 
Dj Darkrow e doutros Dj´s que continuarán ata a sesión vermú, actuando 
ás 13.00 horas os grupos La pistola del manco e Pablo Balseiro.
O
 día 25 a animación está no monte coa romería popular e os grupos de 
gaitas. Para as 11.00 horas está prevista a subida en procesión da imaxe
 do Parrandeiro ata o monte. Ese día haberá servizo de transporte 
adaptado para persoas con mobilidade reducida. Ás 12.00 e as 13.00 horas
 haberá oficios relixiosos. 
A partir das 13.30 horas 
comezará o reparto gratuito de sardiñas e pan de millo, por xentileza do
 Concello, e tralo xantar, ás 16.00 horas, darán comezo diferentes 
actividades familiares, cunha zona de xogos, coa festa da escuma, etc. A
 baixada en procesión desde o Santiaguiño do Monte está programada para 
as 20.00 horas.
O día 25, ás 9.45 horas, 
tamén sairá a travesía de paddle surf desde a desembocadura do río Sar 
ata o Espolón, baixo a organización do Club Marea Surf School
O
 concelleiro de Festexos, Ángel Rodríguez Conde, agradeceu hoxe a 
colaboración do fotógrafo padronés Paco Costa pola cesión da fotografía 
que ilustra o cartel destas festas e, en relación coas actividades 
programadas, manifestou que “pretenden agradar a tódolos públicos e por 
iso non só se tocan múltiples estilos nas actuacións musicais, senón que
 tamén se ofrecen espectáculos para os nenos e a familia en xeral”.
Ao mesmo tempo, resaltou que as  actividades estarán repartidas en diferentes zonas do casco histórico,  como Fondo de Vila, rúa Longa, rúa Herreros, Praza de Rodríguez Cobián,  Praza de Macías e o Paseo do Espolón, para “favorecer a dinamización de  toda a vila”.
La Voz de Galicia