Juan Manuel Vidal agarda que esta 25 edición “sexa para moitos unha forma de chegar a amar a lamprea e que vaiamos medrado en calidade”
A XXV Festa da Lamprea do Ulla de Pontecesures repartiu hoxe máis de 350 menús degustación nas súas vodas de prata e no ano no que o Concello de Pontecesures presentou a súa candidatura a Festa de Interese Turístico de Galicia. Unhas racións das que deron boa conta as persoas asistentes a esta festa gastronómica, algúns para desfrutar das tres elaboracións, outros para iniciárense no consumo deste peixe, compartindo menú en familia ou en grupos de amigos.
O alcalde de Pontecesures, Juan Manuel Vidal Seage, destacou as dificultades xurdidas á hora de organizar esta festa pola escaseza de lamprea: “foron semanas buscando por aquí e por alá o prezado peixe para poder desfrutalo hoxe. Gustaríanos ter podido facer milleiros de menús degustación pero non foi posible así que, os que teñades pensado comela, non vos distraiades moito porque nos las sacan de las manos”. De feito, pasadas as 15:00 horas e xa sen colas de entrada, quedaban menos de corenta racións.A XXV Festa da Lamprea do Ulla repartirá máis de 300 menús degustación a 30 eurosRedacción
Vidal Seage puxo en valor o novo formato da festa, cunha carpa na que se puideron degustar tres elaboracións coordinadas polo chef Miguel Mosteiro: á bordelesa (elaborada polas habituais cociñeiras da festa), en empanada (elaborada por unha panadería de Pontecesures) ou en escabeche, canda bebida (refresco, cervexa o viño do municipio) por un prezo de 30 euros. “Espero que esta 25 edición sexa para moitos unha forma de chegar a amar a lamprea e que sexa un revulsivo tamén para que esta edición sexa a primeira de moitas máis, que vaiamos medrando en calidade e poidamos desfrutalo todos xuntos. Longa vida á lamprea”, apuntou Vidal Seage.
Desenvolvemento
Pola súa banda, a conselleira do Mar, Rosa Quintana, agradeceulle ao Concello de Pontecesures “o esforzo que fan para exaltar un dos produtos fundamentais para desenvolver social e economicamente este concello, como é todo o que ten que ver coa pesca e, en concreto, coa célebre lamprea do Ulla”. Neste sentido, asegurou que “estes 25 anos da Festa da Lamprea son un bo síntoma de que estades facendo un traballo que é merecedor de conseguir ese recoñecemento como Festa de Interese Turístico de Galicia e agardamos poder seguir celebrando a festa da raíña do Ulla”.
Finalmente, a pregoeira deste ano, a actriz Isabel Blanco, bromeou cos tres anos que levaba agardando para “pregoar as excelencias da Dama do Ulla, esa meiga do río… ou do mar, que xenera amores e odios. O certo é que non deixa a ninguén indiferente”. Ademais, insistiu en que “para gustos, cores. E aos bos padaleadores non se lles perde unha cita coma esta en Pontecesures nin de broma, porque saben que a Dama sabe e que está deliciosa”.
Documental
Previamente, o salón de plenos da Casa do Concello acolleu a presentación do documental “Pontecesures”, obra de Miguel Piñeiro. Un acto ao que asistiron todas as autoridades presentes na festa, así como persoas que colaboraron na elaboración deste vídeo. Vidal Seage destacou que o obxectivo deste traballo é “tratar de ser un revulsivo e dicir que Pontecesures ten por diante un futuro apaixonante na maneira en que todos traballemos na mesma dirección e lle poñamos ese cariño e esa afouteza como fixeron os que estiveron antes que nós”. Un traballo que louvou tamén a conselleira do Mar, Rosa Quintana, para quen este tipo de traballos son fundamentais “para ter os valores ben claros saber de onde vimos e cara onde queremos ir no futuro”.
Finalmente, os integrantes do Radio Club Tierra de Rosalía tamén estiveron presentes nesta festa, contactando con radioafeccionados de todo o mundo, aos que entregarán un Diploma con motivo da exaltación gastronómica da Lamprea do Ulla en Pontecesures e entre os que sortearán uns trofeos doados polo Concello de Pontecesures.