O alcalde popular Juan Manuel Vidal Seage, con catro concelleiros na Corporación de Pontecesures tras gañar as eleccións municipais do pasado 26 de maio, reeditou un tripartito que lidera xunto cas formacións Terra Galega, con Ángel Souto como representante único, e Independentes de Pontecesures (IP), figurando Isabel Castro como edil. É dicir: trátase das mesmas forzas políticas que encabezaron a moción de censura que desbancou ao BNG hai tres anos. Agora, a tenente de alcalde e concelleira de Educación, Laura Villar (PP), despexa horizontes.
Que salientaría desta nova etapa no equipo de goberno?
Dende que me presentei por primeira vez nunha lista electoral, hai xa nove anos, moito ten mudado a niña situación. De participar dende a segunda liña política por aquel entón ata que o actual alcalde me propuxo para ser tenente de alcalde ten sido un camiño ilusionante e de continua aprendizaxe. De calquera xeito, cada día sigo a aprender importantes leccións dende as miñas responsabilidades no actual executivo municipal.
Turismo, Educación, Igualdade, Deportes… Moitas áreas de goberno cunha gran responsabilidade, non?
Efectivamente, son responsabilidades de goberno onde necesariamente o corpo a corpo se converte en primordial e se teñen vivencias e contacto continuo cunha porcentaxe moi importante da poboación de Pontecesures. Por unha banda, un tecido deportivo moi amplo, con necesidades diversas e apremiantes, un colectivo estudiantil numeroso e concentrado nunhas instalacións con melloras necesarias e, por outra, moitas veces a faciana máis amarga, tamén se coñecen os dramas que a cotío se agochan no día a día.
Destaque algunhas actuacións previstas dentro das competencias que vostede ten no executivo.
Neste inicio de lexislatura estanse a levar a cabo notables melloras en eidos tan importantes como as instalacións deportivas e educativas (vestiarios do campo de futbol, inicio do proceso de licitación do proxecto de ampliación do Clube Náutico, reforma integral no CPI Pontecesures, melloras na gardería municipal…) as cales serán, sen dúbida, xunto co remate doutras que xa están en marcha, motivo de satisfacción para os veciños e os usuarios das citadas instalacións.
Que valores considera que priman nos mozos?
A educación é un dos piares fundamentais da sociedade e é por isto que no noso concello, que conta cunha elevada porcentaxe de poboación infantil e xuvenil, queremos incidir en complementar a ensinanza de calidade que reciben os cativos con formación en valores tan básicos como importantes, como o son, por exemplo, a igualdade ou o respecto. Estamos a programar una serie de xornadas de concienciación para abordar esta temática, así como a do ciberacoso e a seguridade en materia virtual (debido á crecente relevancia e ao grande interese que estes ámbitos suscitan neste sector poboacional).
Considera o turismo como un motor necesario para o desenvolvemento da bisbarra do Ullán no que se encontra a localidade?
Os vindeiros anos marcarán a diferenza entre aqueles concellos que sexan capaces de adaptarse ós novos requerimentos que o turismo demanda e os que non consigan facelo. A situación estratéxica de Pontecesures non pode pasar inadvertida, e non o fará. Certo é que estamos intentando superar certos atrancos burocráticos que están retrasando algún proxecto no que levamos traballando un tempo, por exemplo os pantaláns de pasaxe para a nova fachada fluvial, pero máis pronto que tarde coidamos que se farán realidade. Agardamos tamén poder acometer melloras na sinalización do Camiño Portugués ó seu paso polo pobo e editar material promocional que nos permita acudir a feiras e eventos de difusión dos valores turísticos e gastronómicos cun mínimo de recursos.
Por último, ten algún detalle que poida anticipar do evento local, a Festa da Lamprea?
O vindeiro ano celébrase o 25 aniversario da Festa da Lamprea, e estamos deseñando unha serie de actividades promocionais e formativas que potencien e den visibilidade a esta festividade tan arraigada xa nos calendarios gastronómicos e tan importante para a economía e promoción locais.
El Correo Gallego