Celebrouse o día do Pilar en San Xulián.

Na instantánea vemos ao novo presidente da Asociación de Veciños de San Xulián, Manolo Meniño, bailando cunha moza do grupo Algueirada ao remate da actuación de dito grupo cesureño.

Con bo tempo e bastante público, celebráronse os actos da festividade. Houbo pasarrúas, Misa Solemne cantada polo coro Pontecesures, procesión polo lugar e actuación do grupo folclórico Algueirada.

O novo presidente, visiblemente satisfeito, manifestou que para o ano que ven estaban a estudar a celebración de máis actos festivos para que o 12 de outubro sexa un día completo de festa.

Laura Villar, concelleira de Pontecesures: “Formamos en igualdade e no respecto”.

O alcalde popular Juan Manuel Vidal Seage, con catro concelleiros na Corporación de Pontecesures tras gañar as eleccións municipais do pasado 26 de maio, reeditou un tripartito que lidera xunto cas formacións Terra Galega, con Ángel Souto como representante único, e Independentes de Pontecesures (IP), figurando Isabel Castro como edil. É dicir: trátase das mesmas forzas políticas que encabezaron a moción de censura que desbancou ao BNG hai tres anos. Agora, a tenente de alcalde e concelleira de Educación, Laura Villar (PP), despexa horizontes.

Que salientaría desta nova etapa no equipo de goberno?

Dende que me presentei por primeira vez nunha lista electoral, hai xa nove anos, moito ten mudado a niña situación. De participar dende a segunda liña política por aquel entón ata que o actual alcalde me propuxo para ser tenente de alcalde ten sido un camiño ilusionante e de continua aprendizaxe. De calquera xeito, cada día sigo a aprender importantes leccións dende as miñas responsabilidades no actual executivo municipal.

Turismo, Educación, Igualdade, Deportes… Moitas áreas de goberno cunha gran responsabilidade, non?

Efectivamente, son responsabilidades de goberno onde necesariamente o corpo a corpo se converte en primordial e se teñen vivencias e contacto continuo cunha porcentaxe moi importante da poboación de Pontecesures. Por unha banda, un tecido deportivo moi amplo, con necesidades diversas e apremiantes, un colectivo estudiantil numeroso e concentrado nunhas instalacións con melloras necesarias e, por outra, moitas veces a faciana máis amarga, tamén se coñecen os dramas que a cotío se agochan no día a día.

Destaque algunhas actuacións previstas dentro das competencias que vostede ten no executivo.

Neste inicio de lexislatura estanse a levar a cabo notables melloras en eidos tan importantes como as instalacións deportivas e educativas (vestiarios do campo de futbol, inicio do proceso de licitación do proxecto de ampliación do Clube Náutico, reforma integral no CPI Pontecesures, melloras na gardería municipal…) as cales serán, sen dúbida, xunto co remate doutras que xa están en marcha, motivo de satisfacción para os veciños e os usuarios das citadas instalacións.

Que valores considera que priman nos mozos?

A educación é un dos piares fundamentais da sociedade e é por isto que no noso concello, que conta cunha elevada porcentaxe de poboación infantil e xuvenil, queremos incidir en complementar a ensinanza de calidade que reciben os cativos con formación en valores tan básicos como importantes, como o son, por exemplo, a igualdade ou o respecto. Estamos a programar una serie de xornadas de concienciación para abordar esta temática, así como a do ciberacoso e a seguridade en materia virtual (debido á crecente relevancia e ao grande interese que estes ámbitos suscitan neste sector poboacional).

Considera o turismo como un motor necesario para o desenvolvemento da bisbarra do Ullán no que se encontra a localidade?

Os vindeiros anos marcarán a diferenza entre aqueles concellos que sexan capaces de adaptarse ós novos requerimentos que o turismo demanda e os que non consigan facelo. A situación estratéxica de Pontecesures non pode pasar inadvertida, e non o fará. Certo é que estamos intentando superar certos atrancos burocráticos que están retrasando algún proxecto no que levamos traballando un tempo, por exemplo os pantaláns de pasaxe para a nova fachada fluvial, pero máis pronto que tarde coidamos que se farán realidade. Agardamos tamén poder acometer melloras na sinalización do Camiño Portugués ó seu paso polo pobo e editar material promocional que nos permita acudir a feiras e eventos de difusión dos valores turísticos e gastronómicos cun mínimo de recursos.

Por último, ten algún detalle que poida anticipar do evento local, a Festa da Lamprea?

O vindeiro ano celébrase o 25 aniversario da Festa da Lamprea, e estamos deseñando unha serie de actividades promocionais e formativas que potencien e den visibilidade a esta festividade tan arraigada xa nos calendarios gastronómicos e tan importante para a economía e promoción locais.

El Correo Gallego

A ruta das tapas de anguía de Valga contará con dez participantes.

A clientela poderá votar a receita que máis lle guste durante os días 24 e 25 de agosto.

A sexta edición da ruta-concurso «Tapa á Anguía» de Valga contará coa participación de dez establecementos de hostalería do municipio. Os bares e restaurantes inscritos e as tapas que ofrecerán son: café-bar Couceiro con «Anguía á brasa con salsa verde»; bar Juan coa tradicional «Empanada de anguía», café-ba Potel con «Anguía ao estilo Potel», cafetería Auditorio con «Ópera anguía», pastelería Caprichos con «Anguía na tella», bar Maneiro e a súa «Anguía ao estilo Maneiro», bar Alba cun «Rolo de anguía», café-bar Pontellón coa «Anguía ao estilo Pontellón», bar Pardal con «Tapa Pardal» e Corona de Galicia e a súa «Anguía La Fabulosa».

Os establecementos servirán as tapas aos seus clientes de xeito gratuíto coas consumicións os días 24 e 25 de agosto durante os que se desenvolverá o concurso, e tamén o 31 de agosto, a modo de degustación con motivo da xornada grande da XXIX Festa da Anguía e Mostra da Caña do País. Será o Concello o que lles facilite a anguía xa limpa para que os cociñeiros poidan preparar as receitas.

Entre as persoas que acudan a degustar as tapas e participen na elección da mellor sortearanse dez vales de compra de 30 euros para gastar no comercio local.

A votación popular terá un peso do 50 % na elección da tapa gañadora, mentras que o outro 50 % recaerá sobre un xurado designado pola concellería de Cultura. O bar que elabore a mellor receita recibirá o Mandil de Ouro e o segundo e terceiro clasificados, os mandís de prata e bronce.

La Voz de Galicia