HAI UNS días lin nos xornais que o señor Sabariz se queixa da mala xestión que dos incendios se fixo desde o Concello de Pontecesures. Quéixase de que a falta de medios propiciou que o lume chegase preto das casas. Efectivamente, en Pontecesures por desgraza, como en tantos concellos de Galiza, o lume chegou a poñer en perigo persoas e vivendas. Segundo a tese do señor Sabriz, supoño que os alcaldes do concellos de toda Galiza son, ou mellor dito somos, uns incompetentes. Claro que chegado a este punto non está de máis recordar que o responsábel máximo durante os últimos sete anos en Obras e Servizos do Concello foi o mesmo señor Sabariz que se queixa da mala xestión que fixemos.
Aliñado nas teses máis reaccionarias dos seus amigos do PP (que até hai ben pouco o insultaban e acusaban nos plenos) ao señor Sabariz válelle todo con tal de conquerir unha reseña na prensa, esa é a súa miseria. Quero entender que todos os despropósitos e faladurías baratas que sementa polos bares e tabernas do pobo non son máis ca froito do nerviosismo propio do ano electoral que vivimos.
Só dicirlle unha cousa, en política non todo vale. Vostede está dividindo ao pobo coa única intención de danarme. Utiliza para iso o que sexa necesario: hoxe os incendios, onte o gasoil, a Anpa, os comentarios malintencionados, etcétera. Está vostede (quero pensar que sen sabelo) dando unha imaxe nefasta de Pontecesures que non se corresponde en absoluto coa realidade, e impendido que se poñan en marcha proxectos vitais para o futuro do noso pobo. Molesta a veciños e medios de comunicación a horas intempestivas para dicir calquera cousa co único obxectivo de desgastar a este goberno (que até hai ben pouco era tamén o seu).
Non acostumo a contestalo nos xornais (creo que non paga a pena) pero nesta ocasión fágoo porque os lumes son o suficientemente serios para que lle diga algo. Por certo, mentras eu estaba no medio do lume ¿onde estaba vostede? Nada máis, pero permítame dicirlle que, falando de incendios, creo sinceiramente que vostede non é máis ca fume.
LA VOZ DE GALICIA 23/08/06