Con Avelino Pousa Antelo, finado o pasado luns no seu Teo de querencia e adopción, o País perde un referente sobranceiro dese corpus que baixo o xenérico nome de galeguismo abrangue, ben que de moitos modos e mesmo intensidades, unha identidade común, unha pertenza individual e singular a un todo que da razón e sentimento ao que somos como pobo. Galicia.
Si, co poeta, Galicia é isto que vai en nós que nos leva, camino aberto nos sulcos, os que axudou a desbrozar na súa longa andaina vital o mestre da Baña, Lucho do Peto, que habería de ser tamén seu primeiro pseudónimo, abofé que foron relevantes para acreditar nas potencialidades da terra, na súa máis prosaica e nutricia realidade. Defensor do cooperativismo e agrarista convencido, Pousa Antelo levou por vilas e aldeas a palabra certa do seu maxisterio entre paisanos labregos e ainda mestres ensinándolles a respetala e coidala.
Tamén a súa militancia política habería de principiar ben cedo, na súa mocidade, logo de escoitar a Castelao no teatro Principal santiagués quen, no seu decir, o deixou vinculado para sempre á causa do galeguismo. Unha pertenza alimentada durante a República polas amistades e referenres doutros homes sobranceiros e que se foi reafirmando co andar do tempo para, xa na vellez, presidir algunhas das asociación que son sentimento vivo desa vocación galeguista.
E se tanto dende o maxisterio como dende a empresa, todo o seu facer profesional se mediu sempre en clave de servizo, do mesmo xeito toda a súa peripecia vital non é senón continuada testemuña de compromiso con ese pobo buscando sempre a adecuación ó momento e ó que os tempos demandaban. Mesmo rachando as aillantes barreiras ideolóxicas.
Foise en datas para él moi queridas por serviren para lembrar a quen foi un símbolo e un amigo, Anxel Casal. Haberá que disculparlle, xa que logo, a ausencia no Montouto, porque nesta ocasión o abrazou quíxollo dar en persoa sumándose a esa Santa Campaña inmortal na que procesionan todos os bos e xenerosos. Descanse en paz.
Por Juan Salgado
TIERRAS DE SANTIAGO, 21/08/12