Mañá, 4 de xaneiro, ás 12 horas celebrarase o acto inaugural do albergue de peregrinos de Pontecesures situado na rúa Pousa Antelo (Infesta) non sen tempo, pois a obra ramotou hai máis de 4 meses. En varias ocasións demandou a ACP a apertura das instalacións que xa estaba equipadas co mobiliario correspondente.
Este concelleiro enterouse extraoficialmente desta boa nova, pois nin tan sequera foi convidado ao acto. Nin a S.A. de Xestión do Plan Xacobeo, nin o Concello de Pontecesures, que coñece a nova dende hai tempo, comunicou nada a este membro da corporación.
Resulta realmente decepcionante que ocorran estas cousas. Despois de implicarse, integrado no goberno anterior, en mútiples xestións a prol de conquerir o albergue (desafectación das antigas casas dos mestres como cuestión previa, solicitude, preparación da documentación para a posta a disposición dos terreos para a cesión ao Xacobeo, seguemento do proxecto e adxudicación da obra, etc…) non teñen lóxica estas actitudes. Hai que ter en conta que o BNG e o PSOE, que agora forman parte do goberno local, estaban en contra da construción do albergue de peregrinos nas antigas casas dos mestres do CPI Pontecesures.
Pois non queda outra que resignarse. Agora ben; tratarei de estar na inauguración, aínda que sexa como un simple veciño. Os integrantes da lista da ACP e as personas que nos apoiaron tamén merecen que alguén lles represente neste acto.
So queda desexar que o albergue sexa un éxito para ben de todos.
Pontecesures, 03/01/12
Luis Ángel Sabariz Rolán
Concelleiro da ACP de Pontecesures