LUIS SABARIZ ROLÁN E ALFONSO DIZ VILAR
Tanto nas sesións plenarias como nos medios de comunicación é frecuente que os integrantes do Bloque Nacionalista Galego (BNG) de Pontecesures se dirixan a nós de xeito despectivo co termo ??tránsfugas?. Pois queremos aclarar que nós non cambiamos de onde estabamos.
Fomos afastados das siglas do PSdeG-PSOE polo único ??delito? de non posibilitar que Pontecesures continuase co alcalde do BNG que levaba oito anos no cargo. Por non obedecer a un pacto nacional entre as dúas forzas políticas, asinado despois das eleccións municipais do ano 2007.
Coñecía perfectamente o Partido Socialista, cando nos chamou para formar parte das súas listas, que non iamos apoiar a reelección do ex alcalde, chegado ao caso, por razóns relacionadas coa súa xestión (a falla de transparencia, unha burla aos dereitos básicos dos concelleiros, contratacións de persoal sen procedemento, irregularidades en subministros de combustibles ao Concello, etc..)
Aceptaron as nosas condicións, nos aseguraron que non habería o pacto global en cuestión, e como non foi así, fomos sacrificados por este acordo ??a posteriori?, sen posible defensa e como se fosemos un estorbo.
Pois ben; pasado o tempo e contemplando o elevado número de escándalos por comportamentos dos cargos políticos a todos os niveis, queremos manifestar que aquí seguimos os concelleiros non adscritos a traballar o que podemos en favor dos intereses de Pontecesures, que é o que nos move. Nós non perseguimos adicacións exclusivas, non entramos en formacións políticas pensando na carreira profesional, non precisamos consorcios, non ??colocamos? finca algunha dende o punto de vista urbanístico, non vimos a servirnos do cargo.
Coñecen perfectamente os nacionalistas cesureños que non estamos ??no mesmo saco? que outros persoeiros da política tristemente famosos. Imos lixeiros de equipaxe e os veciños de Pontecesures son os que mellor o saben.
DIARIO DE AROUSA, 28/10/09