In memoriam // ASUNCI?N BARREIRO (VECI?A DE VALGA)
Lémbraste? Houbo un tempo en que a escuridade eran «longas noites de pedra», as ausencias compañeiras e estaba proibido morrer coa carraxe. Cando centos de mozas galegas se erguían soas porque ninguén podía alzalas, porque nin se quera se podían pousar. Aló ía Asunción a do Manco, cun 13 pintado no fado que a marcaría coma un sinal. O 13 de maio abriría os ollos en Ferreirós, parroquia de Valga, a única meniña de catro irmáns.
Aos 13 anos quedaría orfa para herdar por sempre o papel de nai. Recordas cando non se podían chorar as penas porque a vida era traballar? Ollárona en Rabanles, no Agro Bo, en Loncras, no Carracido, na Gandarela, no Corgo, na Raíña e no Cornide co lombo dobrado loitar e batallar.
Os veciños servíanlle de custodia e onde fixera falla alí a vían chegar, sempre cun fardo de herba, patacas, millo ou viño para que non faltara o sustento en ningún fogar.
Asunción tivo seis fillos -Elvira, Milagros, Manola, Eugenio, Fina e Carlos- para os que se desviveu cada un dos días que marca o almanaque. Lavar as roupas man a man coas veciñas, sembrar, recoller e «perolerar». Se na casa entraba un reximento, non importa un prato máis.
De feito, co paso dos anos, Asunción engadiu seis fillos políticos ao seu niño de mamá -Jose, Carlos, Félix, Mari, Jose e Elvira-, porque aquí sempre gostamos de sumar.
Unha matriarca infatigábel, desas nosas ás que lles sobra a humildade, das que mexen os ventos e teñen sangue de titán. Unha galega tímida e coibida, que repartía entre os mais necesitados da aldea sempre oculta, porque nunca soubo de fachenda nin de vaidad. A avoa de Diana e María, Martín e Isa, Sergio e Paula, Uxío e Antía, Cibrán e Roque, e a bisavoa de Héctor; que dende o seu lar soube ser maravillosa, grandiosamente exemplar.
Hoxe non podo dicir adeus á miña forza, á creadora da miña fortuna e da verdadeira unidade familiar.
Só che pido que cando reluzan as estrelas arroles aos teus nenos, porque ti eres a esenza a pesares dos tempos, porque seica nos espreitas aínda que xa non te vemos, porque eres a guía do noso proprio ceo, porque ti nos gardas e eu endexamais te esquezo.
Faro de Vigo