Andrés Quintá e a Pulpería de Alfonso Mambís presentes na Festa do Pemento de Herbón.

A localidade coruñesa recuperou con ganas a súa festa máis saborosa despois de dous anos de ausencia

Ásombra dunha carballeira situada á beira do convento franciscano e do río Ulla e con pementos de Herbón no prato, acompañados de cachelos e pan de millo. Que mellor plan pode haber para o primeiro sábado de agosto? Sabíano ben os que neste día elixiron esta opción e asistiron á Festa do Pemento de Herbón, no concello coruñés de Padrón, que alcanzou a edición número 42 e se volveu celebrar tras dous anos de suspensión pola pandemia. Había ganas da festa, declarada de interese turístico, e de pementos de Herbón, tal e como quedou demostrado pola asistencia de público, pero tamén pola boa organización por parte dos veciños da parroquia xa que esta é, quizais, máis que outras, unha festa do pobo. Así, os produtores contribuíron aportando «moitos pementos e de calidade», tal e como sinalou o presidente da comisión organizadora, Alejandro Ferro, pero tamén o fixeron participando masivamente na procesión agrícola motorizada, que estivo formada por 25 tractores.

A previsión era servir unhas 4.000 racións de pementos de Herbón, os auténticos, eses que teñen firmes defensores e consumidores como o pregoeiro desta edición, o recoñecido cociñeiro Yayo Daporta, quen animou a seguir defendendo o pemento de Herbón ante as imitacións. «Ten que estar sempre por riba de todos os demais», dixo. Daporta loou a calidade e a excepcionalidade do produto, pero tamén o traballo de quen o cultiva e dixo que ese labor «fai mellor o traballo dos cociñeiros». O pregoeiro asegurou que baixo o nome de pemento de Padrón hai moitos en todas as partes e mencionou Cambados, Murcia ou Marruecos, pero «o auténtico é o de Herbón», proclamou entre os aplausos do público. Outros defensores presentes na festa foron o coronel Francisco Javier Jambrina e o empresario Andrés Quintá, ademais do propio presentador do acto, o locutor de Radio Valga Héctor Bermúdez. 

Á par que a lectura do pregón e a entrega dos premios aos tractores mellor engalanados, as tixolas xa estaban fritindo os pementos ante a atenta mirada de moitos ollos, entre eles os de turistas e peregrinos, aos que gusta especialmente a festa do pemento de Herbón. E se o prato de pementos con cachelos e pan de millo se facía pouco, tamén había pulpería, a de Alfonso Mambís, e mesmo rosquillas e xeados para o postre. 

La Voz de Galicia

A Inchadiña Branca Vela trae ata Padrón vinte embarcacións.

A Inchadiña Branca Vela celebrábase por primeira vez no 2013 para celebrar o 150 aniversario da publicación de Cantares gallegos. Xurdía así como unha iniciativa das xentes da cultura marítima para honrar a Rosalía de Castro, quen en Cantares falaba das dornas que subiran Ulla arriba no seu tempo. E dende entón a tradición pervive, e este sábado vinte embarcacións tradicionais de toda Galicia uníronse novamente á Inchadiña branca vela.
Subiron Ulla e Sar embarcacións chegadas das rías de Vigo, Pontevedra, Arousa e Ribadeo: gamelas, galeóns, dúas bucetas, un carocho, un bote de Ribadeo e dornas de distinto tipo, chamadas pola Fundación Rosalía de Castro e a A.C. Dorna da Arousa, coa colaboración do Concello de Padrón, de Catoira, de Dodro e de Valga, ademais da adega Paco&Lola.

A xornada de navegación realizou o percorrido habitual. Subiron ás 16.00 horas desde a praia fluvial de Vilarello en Cordeiro (Valga) ata Padrón. No municipio de Valga a concelleira de Turismo, Malena Isorna, saudou ao presidente da Fundación Rosalía, Anxo Angueira, e a Amancio Prada, músico e compositor que participou na ruta fluvial a bordo da dorna Roxiña. A saída das travesías estivo amenizada pola Banda Municipal de Música da vila. Unha vez en Padrón rendeuse unha homenaxe a Rosalía diante da súa estatua no Espolón padronés a iso das 18.30 horas. A continuación, arredor das 22.00 horas, tivo lugar un concerto do grupo Amigos do Acordeón das Rías Baixas.
Nesta décima edición da Inchadiña virán embarcacións de toda Galicia: o Langaño e o Támara, un bote e unha buceta do Freixo; o Minxos, gamela da Guarda; e as dornas Rosalía, Forza R, Madorniña, Fuxe, Anduriña, Nerea, Zenaida, Nova Maruxa, Bandalla, Maristela, Cadórniga, Ortelinda, Roxiña e Montañesa.
A Inchadiña deste ano estivo dedicada ao mariñeiro Parada, que participou en todas as edicións coa súa dorna Forza R e mesmo protagonizou o cartel da segunda. A el dedicóuselle un minuto de silencio durante a ofrenda na estatua de Rosalía. Segundo sinalaron dende a organización, a xornada de navegación foi pracenteira: coa marea e o vento a favor.



ANIVERSARIO A Casa da Matanza abriu ao público o 15 de xullo de 1971, pero non foi ata o ano seguinte cando sería musealizada en base ao proxecto realizado por Xosé Filgueira Valverde. É por iso que as celebracións e actividades deste 50 aniversario duraron todo un ano, dende xullo do ano pasado ata este domingo, 16 de xullo de 2022. A historia da Casa de Rosalía é a historia dun logro colectivo. A Casa da Matanza convertiuse en Casa-Museo en pleno franquismo grazas á implicación de milleiros de persoas e entidades de toda a comunidade e da emigración. O Patronato Rosalía, creado en 1947, convertiuse en refuxio do galeguismo, con actos, como a Misa de Rosalía en Bonaval, que eran auténticos encontros de afirmación galeguista. Nin o franquismo puido facerlle fronte á vontade popular de recuperar esta Casa.
Tanta historia levou a que Casa de Rosalía decidise celebrar os seus 50 anos de vida por todo o alto: visitas virtuais, exposicións itinerantes, diálogos literarios multilingües… e incluso se reformou o auditorio da Casa Museo. Iso si, todo chega ao seu fina e farao este domingo co festival Abride a Fiestra, unha xornada de portas abertas.


Rematan as celebracións do aniversario

···Este domingo rematan os festexos do 50 aniversario e farano coa cuarta edición do festival Abride a Fiestra. A celebración acollerá diferentes manifestacións culturais que terán a Rosalía como figura central dos actos.

··· Como protagonistas deste domingo hai que destacar a Leilía, que están a celebrar o seu 30 aniversario, LaMontagne&PicoAmperio e Brais das Hortas para os máis pequenos.

··· Nesta xornada de portas abertas estará tamén Pepe Carreiro debuxando a Rosalía na Horta da Casa da Matanza. Haberá regueifas da man de Luís O Caruncho e Lupe Blanco. Non faltarán tampouco os libros e a literatura.

··· Haberá cinema da man da curta sobre Rosalía ‘A Rosa Incandescente’. Presentarase o proxecto ‘Es ti que cantas’ e terá lugar un obradoiro de astronomía.

··· Ademais desenvolverase unha cata de viños auspiciada pola adega Paco & Lola e volven as visitas guiadas.

El Correo Gallego

Pontecesures recupera esta fin de semana a súa cita co Ghaitellón.

A Asociación Cultural Xarandeira, de Pontecesures, puxo en marcha, xa no 2011, un serán: un encontro de música tradicional galega co que se pretendía saldar unha débeda coa cultura propia na bisbarra na que non existía un evento desas características. Naceu daquela o Ghaitellón, un evento que se celebrou todos os anos ata que a pandemia mandou parar. Paróu o son das gaitas e das pandeiretas, e parece que lle está a custar traballo recuperarse. Pero os integrantes de Xarandeira non queren que se perda o seu serán, e teñen organizado para este sábado unha nova edición da súa festa. Desenvolverase este vindeiro sábado, día 2 de xullo, no peirao de Pontecesures, co ánimo de sentar as bases da recuperación dun sector, o da música e o baile tradicional, que está a ter que facer grandes esforzos para recompoñerse trala COVID.

La Voz de Galicia

Heredeiros da Crus animará a Festa da Xuventude de Valga.

A mocidade de Valga prepárase para vivir o vindeiro 2 de xullo unha completa e animada Festa da Xuventude. Vaise celebrar na área fluvial de Vilarello e contará coa actuación dos recoñecidos grupos Heredeiros da Crus e Festicultores.
A emblemática banda do Barbanza Heredeiros da Crus encabeza o cartel musical da festa. O grupo liderado por Tonhito de Poi, un dos grandes expoñentes do rock en galego, acaba de iniciar a xira coa que celebra os seus 30 anos sobre os escenarios e Valga será un dos primeiros lugares no que se poida gozar co seu espectáculo, no que repasan os seus grandes éxitos e dan tamén protagonismo ao seu último álbum, Derretidos, publicado en 2019 pero cuxa promoción se viu limitada pola pandemia.

En Vilarello estarán acompañados polos Festicultores, que abrirán as actuacións musicais a partir das 22.30 horas. Os autodenominados “cultivadores de festas” ofrecerán un espectáculo dinámico combinando temas propios con cancións tradicionais versionadas ao seu estilo festivo, co que o humor, a diversión e o baile están garantidos. A banda, con 17 anos de historia, acumula máis de 850 actuacións, algunhas delas en países coma Portugal, Francia, Serbia ou Polonia, e teñen compartido escenarios con artistas coma Manu Chao, Macaco ou Gogol Bordello, entre outros.
(function(w,d) { var i=w.invibes=w.invibes||{}; i.uc=1; i.prod=2549; var s=d.createElement(‘script’); s.type=’text/javascript’; s.async=true; s.src=’https://k.b26net.com/GetLink’; d.head.appendChild(s); })(window,document);
Ademais das actuacións musicais, durante a xornada do sábado disputaranse en Vilarello as Olimpíadas da Aldea, para as que está aberto o prazo de inscrición, ata as 13.00 horas do día 1 de xullo. Poden participar equipos formados por un mínimo de 4 persoas e un máximo de 6, todos a partir de 15 anos de idade. Os equipos serán mixtos e contarán cun mínimo de dúas persoas de cada xénero.
Disputaranse simultaneamente ata cinco xogos e deportes: fútbol praia, brilé, carreiras de sacos, o cangrexo e unha xincana. En cada un outorgaranse as correspondentes medallas douradas e prateadas aos primeiros e segundos clasificados, ademais de gratificalos con 200 e 100 euros respectivamente. En total, repartiranse 1.500 euros en premios.

Unha vez rematadas as competicións, designarase ao campión absoluto das Olimpíadas, que será o equipo que máis medallas douradas acumule, explica o Concello.

El Correo Gallego

Os socialistas cesureños instan a que remate a obra da cuberta do campo de fútbol canto antes.

O pasado sábado achegámonos ao campo de fútbol municipal Ramón Diéguez para ver o partido no que se xogaba o ascenso o Ulla C.F. cadete a primeira. A visita sirveu para vera situación da cuberta da grada, que sexa con chuvia ou con calor, perxudica e molesta ao público asistente, e que xa se extende por moito tempo. Tras a pregunta realizada no pasado pleno, o equipo de goberno respondeu que a paralización das obras de reposición da grada débese a quebra da empresa contratada. Agardamos que se resolva canto antes e non se alongue tanto como no caso da obra do parque do peirao (curiosamente, outra empresa contratada polo concello que tamén quebrou).
Por certo, noraboa ao Ulla C.F. cadete polo ascenso!!!

Socialistas de Pontecesures