A Agrupación Cidadá de Pontecesures (ACP), a través do seu concelleiro, Luis Ángel Sabariz Rolán, expuxo onte unha ampla reflexión pública que, con carácter construtivo en palabras do propio Sabariz, invita ao goberno tripartito cesureño a variar o enfoque que este lle deu á Festa do Churro coa que o pasado luns se pechaban as Festas do Carme na localidade do Baixo Ulla. Un enfoque que en opinión da agrupación independente tería devaluado unha celebración que dota a Pontecesures dun elemento diferencial á hora de atraer visitantes.
Sabariz lembra que a Festa do Churro é unha creación do anterior tripartito, do que el formaba parte, ideada «co fin de enxalzar un doce artesanal de gran tradición na nosa vila e de recoñecer o traballo das numerosas familias que se adicaron e se adican á elaboración e distribución deste produto».
A fin de dotar a celebración de vida, «ideamos unha festa simpática e entrañable onde participaban os cesureños de todas as idades, cun animado baile na Prazuela que comezaba xa na desgutación e remataba coas churreiras, verdadeiras protagonistas da festa, no palco e na praza bailando. Era realmente un evento participativo ao que asistía moitísima xente».
Fronte a este modelo, a ACP lamenta que «esta edición do 2011 foi completamente distinta e a festa transformouse nunha simple degustación gratuíta de churros. Así, en lugar de potenciarse, a festa sufríu un debilitamento moi criticado que fai pensar que ao goberno local pouco lle interesa este evento».
Á hora de argumentar a súa opinión, Luis Ángel Sabariz sinala que «o cartel anunciador non foi publicado ata o martes 28 de xuño, e non houbo apenas difusión da Festa nos medios de comunicación como si se fixera nas edicións anteriores».
Para casa antes de tempo
Ademais, «o horario de reparto dos churros adiantouse ás 20 horas e, o que é peor, pechouse ás 22, con bastantes persoas aínda sen chegar á Prazuela». E sen actuación musical «pese a estar un palco instalado», deixando os asistentes sen o habitual baile e forzando un precoz e desanxelado final da festa.
Ante todo isto, «a ACP considera que a Festa do Churro debe ter prioridade absoluta porque é exclusiva de Pontecesures». De aí que lle pida ao goberno local «con toda a intención construtiva, que para a seguinte edición se teña en conta o sucedido e se potencie un evento que ía disparado na súa popularidade e aceptación».
LA VOZ DE GALICIA, 07/07/11