Sra. Dª Isabel Vila Barbosa
Directora Xeral de Infraestruturas da Xunta de Galicia
O pasado día 15 de novembro, con reportaxe fotográfica incluída, lle expusen o perigo de asolagamento que presenta a retención de auga na marxe da estrada PO-548 Pontecesures-Vilagarcía, na rotonda da Charca, entre os municipios de Valga e Pontecesures.
Solicitouse naquela data, que unha pala canalizara con toda urxencia, aínda que fora de un xeito provisional, a auga ata un tubo de 1 metro de diámetro, situado a escasos metros, que comparten os dous municipios a través dunha pista, e que está sorprendentemente infrautilizado (apenas recolle un 10% da súa capacidade).
Dende xullo pasado estamos a remitir escritos para que se solucione a recollida destas augas incluíndo, lóxicamente, esta actuación nas obras de seguridade viaria que se están a efectuar na recta de Campaña.
Pois ben; a pesar de que se nos anunciou por vostede que ía quedar o problema resolto coa derivación da auga ata o tubo existente, ata este intre hai unha situación de inmobilismo que preocupa ao concello e aos veciños da zona que están con risco evidente de que a auga, tras rebosar a estrada, entre nas súas casas. Coas choivas de onte estivo a piques de asolagarse a estrada, e a auga continúa alí embalsada na cuneta sen adoptarse decisións.
Polo exposto, solicítase que se resolve este problema dunha vez por todas para evitar todo tipo de riscos para peóns, condutores e titulares das vivendas da zona.
Por outra banda, tamén hai que dicir que na rotonda, actualmente en obras, non hai alumeado algún. A visibilidade é nula e resulta realmente perigoso circular nestas condicións pola estrada autonómica en cuestión. Aínda por enriba, despréndense pola acción do vento os elementos blanquivermellos da rotonda que queda semidesfeita e podes encontrarte con obstáculos na estrada que, como non hai alumeado, poden ocasionar un accidente de tráfico.
Por último insistir en que se constrúan tamén as beirarruas nos primeiros 500 metros da PO-548 que pertencen a Pontecesures. A discriminación é evidente. Nós tamén somos en sentido figurado “recta de Campaña”. Esta ten 3 e pico quilométros, e se acondiciona, para garantir a seguridade viaria, a parte da estrada que discorre por Valga con beirarúas, camiños de servizo, arranxo dos cruces, etc…,e os 500 metros de Pontecesures quedan totalmente á marxe. Nin se fan as beirarrúas, nin se recollen as augas da cuneta do noso térmo municipal, nin se arranxan as arquetas de servizos na estrada que provocan ruídos e tremores nas casas por irregularidades no firme, e por enriba se provocan situacións de risco por falla de alumeado na rotonda da Charca.
Esperamos comprensión por parte desa administración, pois a seguridade viaria ten que garantirse dende o quilómetro 0 e por suposto en toda a recta, non en parte dela. O contrario resulta incomprensible e inxusto.
Pontecesures, 7 de decembro de 2009
O concelleiro de relacións institucionais de Pontecesures
Luis Ángel Sabariz Rolán