Carlos Maside
(1897-1958)
Profesión: Pintor.
A siesta. Acuarela, 19,5 x 26 cm.
Biografía: Considerado pola crítica como referente ineludible do rexurdimento artístico iniciado por Castelao, Carlos Maside naceu en San Xulián de Requeixo (Pontecesures) en 1897. A adolescencia pasouna en Padrón como escolante e en Vilagarcía como empregado dun almacén. En 1917 trasladouse a Madrid a cumprir o servicio militar e entrou en contacto co ambiente dos debuxantes gráficos, ao que se dedicou de volta a Galicia. En 1923 participou na Coruña nunha exposición con catro caricaturas e traballou no Faro de Vigo e en El Pueblo Gallego, onde se encargaba dunha viñeta satírica diaria. Seguindo a súa etapa formativa, en 1926 a Deputación de Pontevedra concedeulle unha bolsa que lle permitiu matricularse nunha academia de pintura de París, visitar museos e acercarse ao panorama das vangardas abstractas e figurativas e ás formas de pensamento ideolóxico do período de entreguerras.
En 1931 instalouse definitivamente en Galicia: en Vigo e sobre todo en Santiago, onde realizou a súa primeira exposición individual, na que alternaban guaches e debuxos expresivos e populares co expresionismo dos primeiros óleos. A guerra civil afectouno profundamente e recluíuse nun misterioso e improductivo illamento, roto en 1945 ao sentir de novo a inquietude creadora. É a época da plenitude, de equilibrio entre a expresión e a técnica, de obras tan espléndidas como “A cacharreira”, “Dúas paisanas”, “Costureira”, etc. Todo este novo impulso truncouse en 1958, ano no que morreu en Santiago. Carlos Maside, que foi director artístico da editorial Galaxia no momento da súa fundación, en 1951 publicou o seu único escrito, o ensaio breve En torno a la fotografía popular. Luís Seoane, Rafael Dieste e Antonio Baltar decidiron que o museo que garda a obra e a documentación do Movemento Renovador da Arte Galega levase o seu nome.
Imaxe e texto de Sargadelos.com
2 comentarios
amigodecesures · 5-02-2007 a las 11:48
Tamén deberiamos ter en conta que en Cesures naceu outro gran pintor, xa falecido, chamado «Colombo», que ten obras expostas no museo Carlos Maside de Sada.
Antonio Cortés · 5-02-2007 a las 12:05
Amigo de Cesures, na entrada Os barcos do exilio hai un resumo da vida de Andrés Colombo sacado do libro «O exilio Galego: unha primeira achega».
Un saudiño.