O BNG pide que se inclúa unha partida para o tren de cercanías.
O Bloque Nacionalista Galego, a través do seu voceiro no Congreso, Francisco Rodríguez, insistiu onte que o seu apoio ós Presupostos Xerais do Estado teñen como condición que estes inclúan unha partida suficiente para crear un tren de cercanías entre Vigo-Pontevedra, Santiago-Vilagarcía y A Coruña-Ferrol-Betanzos. Neste sentido, os nacionalistas explican que nas contas iniciais se prevén 78.000 euros, unha cantidade que, engadiu Rodríguez, non é suficiente. Asegurou que “non abonda con activar o servizo, senón que hai que realizar un grande esforzo de comunicación pública e de promoción para que a xente suba ó tren”.
Dende o BNG consideran que “o ferrocarril en Galicia está moi abandonado”, polo que Francisco Rodríguez avogou por lanzar prezos económicos e reducir os custos en sectores como os mozos e os xubilados. Desta forma, sinalou que “aquí a cultura do coche está moi arraigada” e apelou á colaboración de todas as institucións para evitar que os convois “estean a pasar cada media hora absolutamente baleiros”.
A demanda dun servicio de cercanías tamén foi feita esta semana polo presidente da Xunta de Galicia, Emilio Pérez Touriño. Indicou que “propomos e demandamos do Goberno de España, e en particular do Ministerio de Fomento, a creación inmediata dun servicio ferroviario de cercanías” e a posterior transferencia á comunidade autónoma para a súa xestión.
Touriño destacou que a necesidade de dispoñer dun servizo ferroviario de cercanías é especialmente urxente na comunidade autónoma galega, xa que o modelo territorial de Galicia está a consolidar áreas urbanas e metropolitanas “cada vez máis densas e con áreas de influencia cada vez máis amplas” nas que se xeran “intensas dependencias funcionais, importantes fluxos de transporte, variados na súa tipoloxía, demanda, características e modos”. Neste marco o presidente da Xunta de Galicia inclúe a Vilagarcía, como cidade que se atopa no Eixo Atlántico.
DIARIO DE AROUSA, 28/09/07
1 comentario
Pepe de San Xulian · 28-09-2007 ás 22:35
Menos mal que no Bloque ainda queda alguén con cabeza, xa me temia que todos pensaban cos pes. Angueira segue facendo deporte porque ultimamente medrache moito o bandullo.