Moción do BNG de Pontecesures contra a Agrupación dos Xulgados de Paz de Valga e Pontecesures.
Margarita Carolina García Castro, voceira do Grupo Municipal do BNG de Pontecesures, presenta a seguinte moción para ser tratada na Sesión Plenaria do día 26 de novembro de 2007:
ANTECEDENTES
Sendo coñecedor este grupo municipal da intención da Consellería de Presidencia e Xustiza de agrupar os xulgados de paz dos concellos de menos de 7.000 habitantes, e que desta agrupación resultaría un xulgado único para Pontecesures e Valga; ten que manifestar o seguinte:
* Considerando que Pontecesures ten a densidade de poboación, con moito, máis alta da comarca, e unha situación xeográficamente estratéxica, en canto a comunicacións e servizos; debe dispor de xulgado de paz propio (como ata o de agora).
* A posibilidade de que o xulgado de paz se desprace a Valga non só prexudicaría aos cidadáns cesureños senón tamén aos de Valga, aos que, en moitos casos, lle suporía un desprazamento maior debido á dispersión xeográfica do concello veciño.
* A gran cantidade de servizos do sector terciario que se ubican no casco urbán do noso pobo, fai máis convinte que o xulgado de Paz quede en Pontecesures. Podendo, deste xeito, os veciños solventar varias xestións nunha mesma mañá.
* Actualmente a carga de traballo do xulgado de paz de Pontecesures ten un volume tal, que xustifica con creces a súa permanencia; ou en todo caso que sse centralice o xulgado de paz único en Pontecesures.
* O argumento do número de habitantes da Consellería parécenos pouco realista, xa que hai que analizar outros aspectos como os descritos anteriormente: densidade de poboación, dispersión xeográfica, comunicacións e servizos…etc.
Polo exposto, o Grupo Municipal do BNG, solicita do Pleno da Corporación Municipal a adopción do seguinte:
ACORDO
# Solicitar da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza a continuidade do xulgado de paz de Pontecesures.
# Asi mesmo, solicitar unha entrevista co Conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza para tratar este asunto, na que estean representados membros de tódolos partidos políticos de Pontecesures (BNG, PP, IP e PSOE).
# Remitir certificación do presente acordo á mesma Consellería.
Pontecesures, 27 de outubro de 2007
Asdo.: Margarita Carolina García Castro.
0 comentarios