A Xunta regulará a situación laboral dos secretarios dos xulgados de paz.
Como a secretaria do Xulgado de Paz de Pontecesures, Conchi Castro Cereijo, está nesta situación (son 52 en toda Galicia) reprodúcese esta nova publicada no Diario de Arousa do 29/11/07, polo seu interese.
O conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, José Luis Méndez Romeu, afirmou onte que a dignificación dos secretarios idóneos dos xulgados de paz (cuxo estatus actual non é de funcionarios nin de persoas con contratos laborais) pasa por unha regularización laboral.
Nese sentido, avanzou que a Xunta estalles a propoñer aos gobernos locais que sexa a Administración autonómica a que subvencione a cada un dos concellos onde hai secretarios idóneos polo custo da súa regularización laboral, é dicir, polo custo do seu salario (no marco das funcións administrativas que desempeñan) e da Seguridade Social, de xeito que non supoña ningunha carga financeira extraordinaria para os municipios. Así se cumprirá o acordado no Pacto Local, evitando o actual escollo legal que supón a situación na que se atopa este colectivo.
O conselleiro, en resposta a unha pregunta parlamentaria, sinalou que se trata dun procedemento «complexo», porque obriga a negociar con máis de 50 concellos, pero considerou que esta é «a única vía racional» para darlle solución definitiva ao problema. Segundo dixo, a regularización dos secretarios idóneos non pode ser pola vía da súa integración nos corpos da Administración de xustiza, debido ao seu estatus actual e a que a lexislación non permite esa entrada masiva de funcionarios. «Ademais, moitos deles carecen dun requisito mínimo de titulación que permitira encadralos en calquera figura administrativa», explicou, lamentando así mesmo que «o Goberno anterior non se preocupou deste asunto».
O titular de Presidencia lembrou que a Xunta iniciou coa Fegamp e cos concellos afectados o proceso para asumir plenamente as competencias en materia de xustiza de paz, no que se atopa a comarcalización das secretarías de xulgados de paz.
0 comentarios