Piragüistas do Náutico desprázanse á proba de promoción de Baleares e ao Descenso do Miño en Lugo.
O piragüismo arousán participa hoxe en dúas probas de moi distinta índole. Con centos de quilómetros de separación, o calendario fixo coincidir a segunda regata da Copa de España de Promoción, en Ibiza, coa segunda cita do calendario do Gran Premio de Galicia de Ríos e de Travesías, o Descenso do Miño de Lugo.
Ata a illa balear desprazáronse 64 embarcacións de Arousa e do Baixo Ulla, encabezadas unha vez máis pola expedición das Torres-Romaría Vikinga, con 19 piragüistas. Non en van, o club catoirense está obrigado a gañar para compensar o seu terceiro posto na primera regata do calendario nacional de Promoción, desputada en Los Alcázares de Murcia con victoria do Náutico Rodeira de Cangas e co Breogán-Outón Xunqueiriña no segundo posto do podio.
Na mesma liña, o equipo grovense participa hoxe en Ibiza con catorce palistas, dous menos có Piragüismo Illa de Arousa, oitavo en Los Alcázares. Náutico O Muíño de Ribadumia, con seis rapaces, Náutico Pontecesures, con cinco, e Liceo Casino de Vilagarcía, con catro, completan a representación arousá na proba.
En paralelo á cita ibicenca, tamén en xornada de tarde, o Descenso do Miño celebra a súa edición 52. E faino como segunda regata do Gran Premio de Galicia de Ríos e de Travesías.
Novamente, o As Torres xógase moito no envite. E é que defende o seu liderato provisional na clasificación autonómica, logo de asinar a mellor puntuación por equipos na proba dos Muíños o pasado día 1. Unha ducia de palistas loitarán polo segundo trunfo catoirense.
Tamén o Piragüismo A Illa e o Náutico O Muíño confían en loitar polo podio, como demostra o seu amplo despregue de efectivos, 16 polo bando illense e quince polo equipo de Ribadumia. Ademais, acoden a Lugo o Náutico Pontecesures, con nove piragüistas, o Piragüismo Cambados, con sete, e o Liceo Casino de Vilagarcía, con tres.
LA VOZ DE GALICIA, 10/05/08
0 comentarios