Retrouso presenta a sétima edición do seu festival con novas actividades e concertos
O VII Festival Retrouso celebrarase o sábado, 12 de xullo, no eirado de Cela (Bueu)
A Asociación Cultural Retrouso presenta en sociedade o proxecto do seu VII Festival Retrouso, que se celebrará no eirado de Cela (Bueu) o sábado, 12 de xullo de 2008. Seguindo a experiencia dos dous últimos anos, nos que combinou a celebración do festival coa organización dunha xornada de xogos en Chans (Chanscontro), Retrouso vai encher o día do festival de actividades:
* Ás 11.30 horas arrincará un Obradoiro de instrumentos de cana, onde os rapaces e maiores interesados aprenderán a facer media ducia de instrumentos de percusión e de vento só coa axuda de cana, corda, celo e unha pequena navalla.
* Ás 12 horas dará comezo o I Concurso de Tortillas Retrouso, onde as mulleres e os homes da comarca poderán discernir, diante dun xurado cualificado, quen fai a mellor tortilla do Morrazo.
* Ao mediodía, os asistentes poderán quedar a comer no recinto das festas de Cela, pois haberá carpa e mesas.
* Na sobremesa, arredor das 16 horas, empezará o I Torneo de Cartas Retrouso, onde haberá para escoller entre participar nun xogo máis «de expertos» como A Manilla ou nun máis popular como A Escoba.
* Ás 18 horas farase tamén por primeira vez un Concerto das Escolas Retrouso, onde os alumnos e as alumnas máis novas de gaita, canto e pandeireta, baile e acordeón demostrarán diante do público as habelencias adquiridas ao longo dun duro curso de traballo.
O apartado máis tradicional do VII Festival Retrouso iniciarase ás 20.30 horas. Actuarán tres grupos de baile galego e un grupo de música folk. Os espectáculos de baile estarán protagonizados polo grupo folclórico Abrente, pertencente ao CEIP do Foxo, na Estrada; o grupo Xarandeira, de Pontecesures; e o grupo anfitrión, Retrouso.
Arredor das 22 horas, será o turno da música folk, da man de O Tamboril Furado, un quinteto de Soutomaior con máis de dez anos de experiencia, que ofrece pezas festeiras tradicionais e da súa autoría con gaitas, tamboril, bombo e un bouzuki.
Todas as actividades son de balde. Haberá sombra e boa música durante toda a xornada.
0 comentarios