O tren é necesario para Catoira.

Publicado por Luis Angel Sabariz Rolán en

Artículo en «DIARIO DE AROUSA» de Nando Casal, Voceiro do BNG en Catoira publicado o 14/08/08.

A razón desta carta, é dar a miña opinión sobre o mantemento do servizo de tren no Baixo Ulla; opinión que coincide coa de moitos veciños e veciñas de Catoira, posto que xa temos recollidas máis de mil sinaturas na defensa do tren de proximidade.

Hai máis de 130 anos que Catoira e outras vilas do Baixo Ulla veñen disfrutando dun servizo público ferroviario. Agora, coa chegada da alta velocidade do ??Eixo Atlántico?, parece que en vez de mellorar ese servizo ,o que vai ocorrer, se entre todos non o evitamos, é que imos perder o tren.

Mentras que en Europa, dende hai moitos anos, se ven potenciando o servizo de tren, no estado español menospreciouse o transporte ferroviario. Agora, os nosos gobernantes queren recuperar o tempo perdído, centrándose na alta velocidade. No que atinxe a Galiza, o ??Eixo Atlántico? é a conexión coa meseta. Pero en vez de potenciar en paralelo os servizos de proximidade, como sería lóxico, non só non se potencian, senón que se pretenden desmantelar os poucos que hai, aducindo que non son rendibles economicamente e privando deste xeito a moitos cidadáns dun servizo público imprescindible nos tempos que veñen.

O encarecemento dos combustibles, o acceso ao consumo dos mesmos de países emerxentes, que aumentarán moito a súa demanda, fan pensar que o prezo dos carburantes non vai voltar aos niveis de hai uns anos, polo que temos que ir tomando concencia de que non imos poder utilizar tan ??alegremente? o coche particular. Teremos entón que demandar a posta en servizo de transportes colectivos públicos e asequibles ­autobuses urbanos, interurbanos e, fundamentalmente, o tren­.

Nestes intres, de Catoira a Santiago en tren tárdase en chegar trinta minutos, o mesmo que se vas en coche pola autopista, resultando a viaxe en tren máis económica, máis segura, máis cómoda e menos contaminante co medio ambiente. Se non utilizamos máis o tren, é porque as frecuencias son inadecuadas e tamén, porque desde as administracións públicas non se fomenta o uso deste servizo.

Para Catoira é fundamental o mantemento da actual vía. Se a levantan, quedaremonos sen servizo de tren, xa que o da Alta Velocidade non contempla, nin é posible, que faga unha parada na nosa vila. Tanto eu coma varios compañeiros do BNG de Catoira, apoiamos á plataforma ??Salva o Tren?, que ten como obxectivo prioritario manter o tren de proximidade. Perder ese tren sería perder o tren da historia e un retroceso para o noso desenvolvemento.

Parece lóxico pensar que dentro de pouco tempo a Xunta asuma as competencias dos servizos ferroviarios no noso país, como está ocorrendo noutras zonas do estado, polo que levantar as actuais vías sería un contrasentido.

Penso que os responsables políticos que representamos nos concellos á nosa veciñanza, debemos buscar o mellor para o noso pobo, pero tamén temos que pensar en clave de país. Somos moitas as persoas que pensamos que unha das mellores maneiras de achegar unhas vilas a outras, de ir vertebrando o territorio, é abrindo novos camiños de ferro e, por suposto, non desmantelar os existentes, máis ben potencialos, coordinalos coas liñas dos buses, dando bos servizos e fomentando desde as administracións o uso do transporte público.

Quero mostrar a miña solidariedade co pobo de Portas, que xa está a padecer a supresión dese servizo, e animalos a continuar na súa loita. Tamén quero agradecer a todas as persoas de Catoira e bisbarra que asinaron o manifesto en defenda do tren de proximidade. Entre todos e todas conseguiremos que Catoira e a nosa comarca non perdan o tren.


3 comentarios

Luis Angel Sabariz Rolán · 14-08-2008 a las 08:46

Claro que estou de acordo con Nando Casal na defensa do tren de proximidade. O que é triste é que a poucos quilómetros, en Valga, o representante do BNG opine o contrario. Esperamos convencer a D. Antonio Rodríguez Touceda cando presentemos o estudo do tren-tran á opinión pública.

sobreiras · 14-08-2008 a las 22:52

Totalmente dacordo con Nando Casal. Menos mal que non todo o mundo do BNG pensa coma Checha ou o concelleiro de Valga. Dende logo fai anos que o ex-deputado Francisco Rodríguez defendeu do mellor o tren de cercanías no Congreso. Sr. Concelleiro do BNG de Valga, faga a oposición que queira ao Sr. Maneiro pero non perxudique as xentes que defendemos o tren, que somos moitos, e que o utilizamos para desplazarnos sempre a Santiago ou a Vilagarcía. E dende logo o mellor medio de transporte : puntual, cómodo, seguro, económico, etc. Creo que Nando Casal xa o dixo todo. Gracias. Para Antonio o de Valga, por favor non digas máis burradas e arrima o ombro para conseguir non perder este servizo público. Ademáis o tren non é de ADIF, e de todos nos. ¿Quen son eles para arrincar as vías si foi unha infraestructura pagada por todos?. O TREN E NOSO. Gracias a todos os que pelexades por defendelo.

Pepe de San Xulian · 17-08-2008 a las 17:18

E verdade, os do BNG crecenlle as orellas, que pena, patéticos.

Deja una respuesta

Marcador de posición del avatar

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.