Catoira reúne a varios dos mellores técnicos de piragüismo do mundo.
O Congreso Internacional de Adestradores en Augas Tranquilas abre mañá as súas portas
O segundo Congreso Internacional de Adestradores de Piragüismo en Augas Tranquilas traerá esta fin de semana a Catoira a varios dos principais especialistas da materia a nivel mundial. Organizado polo Club de Piragüismo As Torres-Romaría Vikinga xunto coa Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte da Universidade de Vigo, o congreso arrincará mañá ás cinco da tarde no salón de actos do consistorio catoirense cunha ponencia do director xeral do Comité Olímpico Español (COE).
Tralo habitual acto protocolario de apertura, Ricardo Leiva falará sobre o presente e o futuro dos Xogos Olímpicos desde unha óptica centrada no piragüismo. Acto seguido, a partir das seis, o decano da facultade de Ciencias da Educación e do Deporte da Universidade de Vigo, José María Cancela, departirá arredor da formación deportiva tralo Tratado de Bolonia, que unificará nos vindeiros anos a educación superior do espazo da Unión Europea. O adestrador do equipo nacional francés, Alain Acart, pechará a xornada inaugural cunha charla a partir das sete, que versará sobre a preparación do ciclo olímpico da embarcación que el adestra, o K-2 1.000.
A xornada do sábado comezará cunha das sete comunicacións científicas que se desgranarán de nove a dez da mañá e de oito a nove da tarde: dúas centradas nas lesións no piragüismo, outras tantas sobre piragüismo recreativo, unha dedicada á psicoloxía e ao rendemento dos palistas, outra sobre a evolución do traballo técnico en categorías inferiores, e unha máis que tratará a promoción do piragüismo desde a escola.
Entre os contidos do programa sabatino inclúese a charla conxunta do olímpico grovense Fredi Bea e de Raúl Tamayo, adestrador cubano encargado do C-2 da selección española de piragüismo. Ambos disertarán a modalidade de canoa, e falarán das finais do C-1 de Pekín nas que David Cal se proclamou dobre subcampión.
Tamén o sábado, de catro a oito da tarde, o que fora seleccionador nacional español na década dos 90 e na actualidade director técnico da Federación Balear de Piragüismo, Jesús Cobos, analizará as embarcacións de damas.
O tratamento do kaiak masculino pechará o domingo o Congreso Internacional de Adestradores de Piragüismo en Augas Tranquilas. Ese día, a partir das nove e media da tarde, o ucraíno Alexander Nikanorov presentará os seus apuntamentos sobre a materia, na súa condición de máximo responsable do corpo técnico da selección de Gran Bretaña e, polo tanto, do último campión olímpico en K-1 1.000 e bronce no K-1 500, Tim Brabants.
Análise das finais olímpicas
Finalizada a conferencia abriráse unha mesa de debate á unha e media da tarde cos poñentes, que se pechará cunha comida e cunha homenaxe ao palista do As Torres-Romaría Vikinga José Corral Bustabad, falecido en xaneiro nun accidente de tráfico.
O congreso catoirense dedicarálle boa parte do seu tempo á análise pormenorizada de cada unha das finais dos Xogos Olímpicos de Pekín. De feito, o título de Carlos Pérez Rial e Saúl Craviotto no K-2 500 e as pratas de David Cal no C-1 500 e 1.000, foron, xunto o prestixio dos poñentes, «un aliciente importante» á hora de reunir os 58 inscritos cos que contaba o congreso no día de onte, segundo os organizadores do encontro.
A proxección da cita catoirense queda patente na procedencia da meirande parte dos seus asistentes, con 38 deles chegados de fóra de Galicia, oito desde o veciño Portugal.
LA VOZ DE GALICIA, 09/10/08
0 comentarios