A ledicia de cumprir cincuenta anos xuntos en Cordeiro
Os cinco matrimonios homenaxeados recibiron uns agasallos de mans do párroco.
A parroquia valguesa de Cordeiro foi escenario o pasado domingo dunha celebración moi especial xa que cinco matrimonios celebraron de maneira conxunta as súas vodas de ouro, ou o que é o mesmo, cincuenta anos xuntos.
Eran as doce do mediodía cando comezaba a celebración eucarística. O que para algúns foi unha misa máis, para cinco familias de Cordeiro foi unha xornada especial posto que cinco matrimonios quixeron aproveitar a conmemoración do día da Sagrada Familia para celebrar de maneira conxunta as súas vodas de ouro.
Ramón Pereira e Ramona Rodríguez, José Castromán e Candelaria López, Ramón Bandín e Felicitas Pardal, Francisco Conde e Inés Bouzón, e José Luis Cerneira e Ramona Feijóo foron os protagonistas dunha festa na que, aínda que non houbo intercambio de alianzas, si que primou o protagonismo destes cinco matrimonios, que quixeron compartir con toda a comunidade parroquial a celebración eucarística.
Agasallos.
Pero todos e cada un dos cinco protagonistas do evento foron obsequiados ao remate da celebración cunha pequena lembranza que lles entregou o párroco, don Xesús Pazos García, e o Padre Luis Amor, que foi o encargado de presidir a celebración eucarística o pasado domingo, que ademais coincidía coa festividade do Día dos Inocentes.
Aínda que algunhas das parellas xa festexaran de maneira individual este importante acontecemento, todos quixeron xuntarse para esta ocasión especial e así celebrar tamén o Nadal con todos os membros das súas familias.
O ritual eucarístico rematou, como non podía ser doutro xeito, cun forte aplauso por parte dos parroquianos asistentes á última misa dominical.
DIARIO DE AROUSA, 02/12/08
0 comentarios