Colisión por alcance de tres vehículos, na rúa Novo Núñez de Pontecesures.
Sobre ás 21:15 horas, a altura do número 22 desta rúa, fronte o Supermercado Moldes (N-550), o Peugeot 205 3779-BWZ, guiado por un veciño de Dodro colisionou por alcance co vehículo Renault Clío 2081-FLG que lle precedía onde ía un matrimonio de Pontecesures que vive na Travesía da Bandeira, cun neno pequeno. Este tamén contactou por atrás co que lle antecedía, unha Citroën C-15, C-4502-BN, dunha empresa e cun único ocupante.
Foi necesaria a intervención da Policía Local, e foi enviada unha ambulancia medicalizada do 061 por se era necesario trasladar ao neno que presentaba algúns síntomas de estar ferido. Afortunadamente o rapaz estaba ben, a ambulancia foise baleira, e, polo tanto, non houbo feridos.
Si houbo algunhas retencións de tráfico nesa hora punta, ata que foi retirado un dos vehículos sinistrados que se atopaba nun dos carrís da estrada. Tamén foi necesaria a intervención de Protección Civil de Pontecesures que retirou da calzada cristais e outros restos dos vehículos afectados pola colisión que entorpecían a circulación.
0 comentarios