O Náutico de Pontecesures acude a competicións esta fin de semana.
Dobre cita do piragüismo arousán en Lugo, en ríos e en promoción
Imprimir Volver Fin de semana axetreado o que teñen por diante os equipos arousáns de piragüismo, cunha dobre cita en augas de Lugo. A primeira delas, a edición 53 do Descenso do Miño de Lugo, esta tarde a partir das cinco, con trece modalidades en lid de categorías cadete, xuvenil e sénior. Todas elas individuais agás os K-2 masculinos.
O Náutico O Muíño, cunha presenza testemuñal, o Piragüismo Cambados e o Náutico Pontecesures compiten xunto co As Torres-Romaría Vikinga, que con 17 embarcacións inscritas loitará por desbancar o Kaiak Tudense do alto da clasificación da Copa Galega de Ríos. O equipo sureño aventaxa en 2 puntos o catoirense logo de gañar a única proba do calendario disputada ata agora, en Portonovo.
Mañá pola mañá, os sete equipos do Salnés e do Baixo Ulla citaránse, de novo en Lugo, na terceira regata da Copa Galega de Promoción, que será tamén a segunda proba zonal da Copa de España da especialidade. A proba cobra especial relevancia para os padexeiros do Piragüismo A Illa e das Torres. Os primeiros figuran empatados a 138 puntos á fronte da clasificación autonómica co Náutico Firrete, e os catoirenses igualados xusto por detrás co Unión BRT a 130.
LA VOZ DE GALICIA, 16/05/09
0 comentarios