Carta de Miguel Piñeiro Moure a Carlos Bóveda.
Querido Carlos:
Qué lonxe van quedando aquelas lembranzas que teño de rapaz. cando viñeches de volta por primeira vez. Tamén aquelas outras posteriores nas que te reeencontrabas coa terra cada vez máis preto do regreso definitivo. Menos lonxe teño outras máis, estas recentes no tempo e no maxín e algunhas, non cho vou ocultas, que van esmorecendo.
Oes, isto do tempo tenche o seu aquel….
Hai uns día, mirando un cadro teu das Torres de Catoira, xa sabes que é un dos meus favoritos, un amigo me comentaba que a paisaxe que levaches para aló foi a mesma que a que trouxeches tanto temmpo despois pero que sí mudaron outras facianas da túa maneira de expresarte.
Ti xa sabes, querido Carlos, que a min non hai quen me mova dos teus alicerces máis básicos e que a galeguidade que enchoupa os teus lenzos reflicte o sentimento que puxeches na vida. Non me saques, pois, da raíz da terra.
Na túa longa estadía na quinta provincia, andastes na procura, mesmo á espreita, da «arelanza saudosa» do Patriarca Otero Pedrayo. Unhaq saudade que te estimulou e mesmo provocou a gorxeos de terra e unha morriña que te dobregou a maternidades, gaiteiros, jpeixeiras, rúas, cruceiros, campos….
Os teus cadros, cinco anos despois desque mudaches de estudo, ulen a madeira e a pedra, a peixe e a ríos, a música e a corredoiras, a carballos e a montes; o teu sentimento pictórico esta crisolizado por un latexo de liberdade.
Querido Carlos, amosáchenos unha ventá aberta a nós mesmos. Esa é a fortaleza da túa expresividade, directa e sinxela. Esa é a Galicia de Bóveda dende os aires pampeiros ata hoxe.
Ti es un home que gozou de amizade, da conversa de vagar e da contemplación: da vida, en definitiva.
Sigo observando os teus cadros e albisco o ideario galeguista da túa arte, do teu modo de expresarte. Ese é o auténtico compromiso do País e coas xentes. E, agora, cando me deixo cautivar por un dos teus cadros non podo abstraerme das numerosas veces que me falabas de Laxeiro e de Rey Romero, ou das outras tantas nas que me dicías: «moito me acordo do teu pai».
Somos moitos, Carlos, os que te temos por padronés senlleiro por posuir a exquisitez artística de plasmar un sentir a través da paleta e dos pinceis. Tiñas gravada a ferro, na memoria e no latexar do corazón, unha Galicia na que viviches durante corenta anos residindo alén do mar.
Eu moito me acordo de cando collías nas mans «O Cabuxo» de Castelao que «biscoitaras» directamente, sen decorar, no forno da Calera e deixabas que agromasen feixes de recordos da Borobiana Universidade Plástica Galega que sementou os teus alicerces artísticos.
Oes, Carliños. A dicir verdade, poucas veces falamos de Escuredo, aquel vigués con alma cesureña que foi de por no Cantillo os alicerces dunha idea grande, inmensa, que logo foi recollida por Diéguez.
Por todo o que ti deches a Padrón e ao Ullán, négome de falar de ti en pretérito, conxuguémo-lo presente. Resístome a pensar que un home, a súa forza pictórica, e a súa expresividade cultural só formen parte de nós a través dos recordos.
Por iso demando, unha vez máis, que os responsables e as partes implicadas vertebren unha canle que permita perpetuar e inmortalizar a túa obra a través de ferramentas que permitan achegar ás xentes a pintura que o «Batallón Cultural» que lidera o noso amigo Fernando Castaño tería a ben poder vertebrar a eclosión de todas as manifestacións que atesoura este nutrido feixe de entusiastas e inquedos artistas pero hoxe non é nada doado. Xa sabes que o asfalto pode máis que a cultura.
Podiámonos mirar en ti porque soubeches facerte a ti mesmo, como un auténtico autodidacta que reflectiu historias sobre os lenzos sen ningún tipo de influencias, se acaso as de «Universidade Mundolóxica da Vida», que foi a túa mellor escola.
Nas túas creacións sentimos unha riqueza patrimonial de seu e a específica versatilidade policromática que te levou a experimentar na busca da auténtica liberdade pictórica. Quero ver nos teus cadros a Galicia bovediana, pero así mesmo busco o arrecendo da galeguidade de Castelao, albiscar a profundidade de Maside e enchouparme do enxebrismo de Asorey.
Ti sa sabes, querido Carlos, que na miña condición de fillo dun dos teus mellores amigos sigo segmentando a significación que tes para a Vila do Pedrón e para o Ullán. Isto é parte do ensino para chegar a sentirte como sempre dixo Pepín, meu pai.
Por iso sigo falando de ti en presente.
Pois ben, desta volta, pouco máis hay que contarche, se acaso que, agora que se cumpren cinco anos desque mudaches de estudo, pois ímola virando que, coa que está caendo, xa é bastante.
Saúda da nosa parte a Rey Romero, a Fabeiro, a Pedrito Montañés, aos do Ateneo do Ullán e a tantos outros que permanecen fieis á festa bovediana e bentroneira; e por suposto a Pepín.
Coidate, meu amigo.
Padrón, mes do Santiaguiño de 2009
CARTA PUBLICADA NA REVISTA DO CONCELLO DE PADR?N ADICADA A ARTE MOSTRA 2009.
0 comentarios