Borobó contra Wallace Souza.

Publicado por Luis Angel Sabariz Rolán en

Foi un xornalista que facía agromar as palabras dun raro manancial no que converxen a dignidade e o sentimento gozoso da cultura. Nada que ver cos espadachíns do abrente que segan pescozos desde as columnas xornalísticas de neón. Tampouco pertencía á estirpe dos mefistofélicos que se venden ao mellor postor cun aceno cínico e un pasador inzado de billetes na gravata.

Raimundo García Domínguez, Borobó, foi un sobrevivente da vida e do xornalismo, cun lirio eterno de brancura na alma. Nin os expedientes trala guerra civil, nin os azares dunha profesión moralmente perigosa, segaron a súa bonhomía. ?l representa un xeito de vivir o xornalismo, de anaco en anaco, que nada ten que ver con esta feira mordaz das vaidades e dos estragos. As televisións énchense de pseudoxornalistas que escrutan, coma lobos frecuentadores, os sumidoiros do mundo rosa. Iso por non falar dos moitos tertulianos e discutidores afeitos a manexar o látego a piñón fixo. Despois da nobre arte da dialéctica quédanos a demagoxia pseudoideoloxizada.

Hai, claro está, profesionais irreductibles que fan o seu traballo coas armas fráxiles da decencia. Pero iso é difícil nestes tempos de cruzadas con hematomas colaterais. Demasiada xenreira entre empresas xornalísticas que reducen a política a unha guerra de titulares oportunistas.

Certo que sempre existiron os comisarios na profesión e as prumas alugadas, molladas no alcol do cinismo. Pero en medio deste panorama enteirámonos de que un famoso presentador televisivo do Brasil, un tal Wallace Souza, provocaba crimes para ofrendalos como gran primicia no seu programa de sucesos. Pagaba para que os mercaderes da morte segasen vidas por un pouco máis de share. Velaí unha representación simbólica dunha nova fronteira para o xornalismo infamante. Un eco cruel desa filosofía de que todo vale para alimentar a serpe golosa e omnívora da audiencia.

Por iso é necesario volver a aqueles que sentiron o xornalismo como unha forma de observar e relatar o mundo, con culta lucidez e sen estridencias sensacionalistas.

Falo de Borobó, que foi tamén Don Gallego, Uriel ou o impagable Ánxelo Novo, pseudónimos dunha obra con múltiples vasos comunicantes. Convén revisar ese legado para saber que o xornalismo tamén pode ser un eido plural, luminoso e reconfortante.

Artigo de Xavier Lama (escritor). Tribuna Abierta. ELCORREO GALLEGO, 25/10/09


0 comentarios

Deja una respuesta

Marcador de posición del avatar

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.