O tren de Varela.

Publicado por Luis Angel Sabariz Rolán en

Contaban os ferroviarios máis vellos, que o inesquecible tren de Varela (aludindo ó maquinista do mesmo nome) recollía xente polo camiño de ferro desde Vilagarcía a Compostela. Naqueles tempos xa afastados, a cidade de Santiago era considerada como o corazón e a capital do país, porque, a pesar de non ser a capital da provincia, tiña organismos e institucións que só se atopaban alí e que representaban a toda Galicia. Tamén xa daquela había xente de lonxe que recoñecía que Santiago era Santiago. Eran os tempos da grande armada inglesa, daquela mariña de guerra que, desde Trafalgar, ou antes, dominaba os camiños das ondas dos mares do golobo. Naqueles momentos Vilagarcía era considerada o porto natural de Compostela.
Así eeran as cousas e así foi que a armada inglesa tomou o mar de Arousa case como se fose a súa casa e os seus compoñentes «ships» viñan a fondear periodicamente no medio e medio da ría, de tal xeito que o mar de Arousa (ou Arosa Bay, como dicían eles) e Vilagarcía eran como a súa segunda «house». Aquí descansaban, reparaban forzas e barcos, folgaban e xogaban uns partidos de «football» cos nativos. Parece ser que naqueles tempos os británicos se negaban a xogar contra os de Vilagarcía se os opoñentes galegos xogaban con zocos, tal como fixeran no primeiro partido, no que, sen querer por suposto, tronzaron algunha canela inglesa. Lances dese novo deporte que non lles fixeron ningunha graza os oficiais británicos.
Pero os mariños ingleses eran moi afeccionados a viaxar noutro medio de transporte que precisamente inventaran eles: o tren. Nel desprazábanse desde a vila para coñecer Santiago. Aínda non hai moitos anos que vivía algunha testemuña presencial que podía dar fe do pasmadiños que ficaban os «homes do pano azul e branco» cando, camiño de Compostela, en plena viaxe e desbruzados polas xaneliñas dos vagóns para ollar a fermosa paisaxe, e tamén os os paisanos vían como en calquera lugar do trazado o tren de Varela recollía viaxeiros ou viaxeiras cargadas con feixes de verduras, cestas de froita, latas de leite… é dicir, con case todo o que se podía mercar en Santiago, sobre todo se era o día de feira na carballeira de Santa Susana. O asombro dos ingleses era motivado por ver como os viaxeiros subían ó tren con só facerlle sinais coas manos ó maquinista, que paraba ou minoraba a marcha.
Unha vez foron testemuñas directas dun caso que colleu moita sona polo gracioso que resultou para os que o presenciaron. Resulta que, cando o tran de Varela empezou a subir fatigosamente a costa da Escravitude, camiño de Santiago, este maquinista viu que pola beira da vía ía, a bo paso, un vello coñecido natural do concello de Rois. Cando a locomotora chegou á súa altura, o señor Varela, despois de saudalo, preguntoulle a onde ía e o outro contestoulle que a Santiago. ö escoitar iso, o señor Varela díxolle ó seu amigo:
-Pois veña, xa podes ir subindo ó tren.
E vai o outro e contestou:
-Hoxe non, que teño presa.
Mais un día, o pasmo dos mariñeiros británicos foi aínda máis grande cando, en plena viaxe e dentro do vagón, oíron berrar un vello que dicía alporizado:
-¡Parade, parade que me baixo!
O vello debruzouse por unha das xsanelas e poñendo as mans arredor da súa boca volveu berrar cara á cabeceira do tren:
-¡Parade aquí, que teño que baixar, parade dunha vez, oh!
Non se sabe como foi que o maquinista e o fogueiro puideron oír, e sobre todo entender o que lles berraba aquel vello, pero o certo foi que, por non ser menos que outras veces en que o tren paraba (ou case) para recoller a algún paisano, esa vez tamén parou para que o vello dos berros puidese baixar do convoi.
Todos os ingleses que estaban debruzados polas xaneliñas dos vagóns puideron ver como o curioso viaxeiro baixou do tren e como seguidamente se dirixiu ata a beira da máquina onde lles dou unha explicación ó señor Varela e ó seu fogueiro ante a expectación e asombro xerais.
-? que vou ver un menciñeiro preto de aquí mesmo (díxolles aos pilotos da Sarita).
E coa mesma, aquel vello botou a andar co paraugas pendurado da chaqueta na parte traseira do colo, mentres o tren de Varela asubiaba de novo e, botando fume por todos os lados, emprendía a marcha por riba daqueles mollados carrís, camiño de Compostela, en tanto que os ingleses ficaban mirando uns para os outros con ollos regalados sen crer o que acababan de ver.

Relato do libro de Xoán Luís Migúens García, «HISTORIAS DO CARRIL-CORNES», presentado hoxe en Santiago.


0 comentarios

Deja una respuesta

Marcador de posición del avatar

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.