Carta aberta do alcalde de Padrón.

Publicado por Luis Angel Sabariz Rolán o

Ante acontecementos e rumores

Ante os acontecementos e todo tipo de rumores xurdidos nos últimos días e dos que se fixeron eco os distintos medios de comunicación, quero manifestar:

1º O martes 3 de novembro de 2009, o sr. tenente de alcalde presenta por rexistro un escrito no que por un lado “presenta a renuncia do cargo de tte. de alcalde, concelleiro delegado de tódalas áreas” e por outro solicita “Lle sexa concedida a citada RENUNCIA, manifestando estar disposto a seguir formando parte do goberno como concelleiro, sen ningunha área delegada e sen dedicación exclusiva”.

2º Este feito ocorre cando nos atopabamos nunha xunta de goberno local que o tenente de alcalde abandona, sen ter comentado con ninguén unha decisión deste calibre. Este feito sorprendeunos a todos pois se estamos nun goberno, entendo, que se xorde algún problema a solución tena que buscar o propio goberno e non trasladalo aos cidadáns que o que esperan é que nós lles solucionemos os seus.

3º Estivemos en contacto e mantivemos unha reunión para valorar as consecuencias da presentación do escrito e do que el chama “motivos técnicos administrativos”.

4º O xoves 5 de novembro salta esta noticia á prensa, fun chamado por varios medios e en ningún momento, por responsabilidade política, manifestei ningunha opinión limitándome a dicir o que o propio tenente de alcalde me dixo e máis tarde manifestou publicamente, “o pacto non se rompe”.

5º O alcalde de Padrón non comparte en absoluto as formas nin as manifestacións vertidas polo tenente de alcalde, nun xornal e nun blog, e ten moi claro que aos problemas internos temos que darlles solución internamente a través do diálogo e da negociación.

6º O alcalde de Padrón tivo unha reunión cos funcionarios e estivo de acordo en abrir unha investigación para esclarecer quen filtrou á prensa o tema da renuncia.

7º Quero deixar claro que no que levamos de mandato, as relacións dos dous grupos de goberno son normais, polo que é difícil de entender esta reacción do sr. tenente de alcalde.

8º En todo momento a discreción, a responsabilidade, a transparencia e o traballo honesto foron a miña guía, Padrón e os intereses dos padroneses e padronesas están por riba de todo, as miñas actuacións están aí e creo que nunca antepuxen nada de carácter persoal ou partidista aos intereses de Padrón. Aproveito para agradecerlles a tódolos padroneses a paciencia e a comprensión lamentando profundamente que se dese esta situación de incerteza e desasosego.

Camilo Forján, alcalde de Padrón e os concelleiros do seu grupo farán, como ata o de agora, o imposible por manter un goberno estable, con ou sen Eloy Rodríguez Carbia. A decisión de renunciar só é competencia da persoa que a fai, que renuncia, nin este alcalde ni ningún alcalde pode conceder renuncias tal e como se contempla na lexislación que rexe o funcionamento dos concellos, ROF. Grazas a todos e a todas e atoparanme, coma sempre, á súa disposición no Concello.

EL CORREO GALLEGO, 19/11/09


0 comentarios

Deixa unha resposta

Marcador de posición do avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.