Actuacións inmediatas de Portos de Galicia no peirao de Pontecesures.
NOTA DO GOBERNO LOCAL.
O Enxeñeiro Xefe da Zona Sur de Portos de Galicia, Mateo Ruibal, comunicou a esta concello, logo da solicitude realizada por esta institución, unha serie de actuacións que vai realizar a Xefatura da Zona Sur, con carácter previo á realización da obra de rehabilitación integral do peirao, para a que se está a redactar o proxecto, de cara ao Xacobeo 2010 no que ten unha especial relevancia a Ruta Marítimo Fluvial Arousa Ulla.
En concreto, vaise actuar en seis das sete ramplas das instalacións. Como en baixamar hai problemas de utilización das ramplas, vanse continuar ata o leito do río. Tres delas continuaranse coa mesma pendente de baixada, e outras tres en escalóns. Hai que salientar a obra de ampliamento da rampla que utilizan os deportistas do Náutico de Pontecesures que agora teñen problemas para subir ou baixar das embarcacións deportivas.
Tamén se nos comunicou a boa nova de que se van limpar a fondo os muros, as ramplas e o leito do río que presentan un mal estado e que é unha vella demanda que temos. O leito limparase dende a ponte interprovincial ata a EDAR de Pontecesures, ao tratarse da zona de competencia territorial que ten Portos de Galicia.
Segundo a comunicación de Portos, o ancho embarcadoiro que hai a carón da EDAR vai quedar como está na actualidade. Este embarcadoiro é utilizado polos valeiros que teñen dificultades para acceder ás lanchas en baixa mar. Solicitaron así hai tempo o rebaixe do firme da instalación. Incluso o pleno solicitou que se acometera esta actuación cando informamos o primeiro dos proxectos de rehabilitación da zona portuaria. Trátase, ó parecer, dunha obra de moito custo e de dificultade técnica. Por non facerse agora, pregámoslle ao Sr. Ruibal que se transmita a petición ós redactores do proxecto que se está a elaborar por se é posible incluíla na actuación global. De todos os xeitos, solicítouse agora unha limpeza a fondo de todo o embarcadoiro porque a lama provoca, ás veces, problemas de estabilidade e risco de caídas dos traballadores.
Pontecesures, 23/01/10
0 comentarios