Os nenos dan vida ao monte Galiñeiro.
O monte Galiñeiro de Pontecesures ten hoxe un pouco máis de vida, a que lle deron os alumnos da escola infantil municipal, que acudiron esta fin de semana a prantar varias especies de árbores para poñer o seu grao de area na rexeneración da zona, na que hai anos se emprazou o basureiro da localidade, clausurado e selado despois pola Xunta de Galicia.
Foron arredor dunha trintena os rapaces que subiron ata o monte na mañá do sábado para participar nesta actividade de carácter ambiental e educativo, que ven repetíndose nos últimos anos como un xeito de concienciar aos máis pequenos sobre a necesidade de coidar a natureza.
Como non podía ser doutro xeito, tamén os pais deron exemplo e acompañaron aos seus fillos para axudarlles a prantar as árbores, entre as que había diferentes especies como acebos, carballos, bidueiros, castiñeiros, piñeiros… Os nenos amosáronse do máis ilusionados e puxéronlle moitas gañas á prantación, na que utilizaron ??ferramentas? que lles son moi familiares: pás, cubos e regadeiras de xoguete. Agora só lles queda esperar a que, coa próxima entrada da primavera, as súas árbores comecen a medrar e en anos vindeiros poidan acudir de novo ao Galiñeiro a facerlles unha visita e a coidalos.
Os pequerrechos da gardería cesureña foron obsequiados, logo de contribuír á mellora ambiental do municipio, cun libro por parte dos responsables do centro infantil e tamén cun CD co que, a bo seguro, pasarán momentos moi divertidos xa que contén actuacións do ??Show dos Paiasos?. Este último detalle correu a cargo do Concello, que tamén estivo representado na prantación coa alcaldesa, Maribel Castro, e o concelleiro de Relacións Institucionais, Luis Sabariz Rolán.
A media mañá estaba tamén previsto celebrar un almorzo no recinto do Mirador do Galiñeiro, aínda que a choiva fixo acto de presencia e iso obrigou a trasladar a comilona á escola infantil, para que os nenos estivesen a bo recaudo e non se mollasen.
DIARIO DE AROUSA, 15/03/10
0 comentarios