«A maioría dos fillos do resto dos mariñeiros non lle gusta este oficio, é difícil que continúe».
Como o seu pai case trinta anos antes, Marcos coñeceu pronto o oficio de valeiro. No seu caso comezou na herdanza familiar con 16 anos. «Xa ía antes, as fins de semana. Gustábame», conta. Convertida xa no seu medio de vida, a pesca «ségueme a gustar, e creo que me seguirá gustando». Aínda sendo unha ocupación «bastante fastidiada» na que «de vacacións, nada. O único, os tres días da festa de Cesures» e mais as fins de semana que obriga a parar a normativa.
Marcos recoñécese unha rara avis . «Á maioría dos fillos dos valeiros cos que falo non lles gusta isto. Parece difícil que o oficio continúe», di o vástago de Antonio. De feito, ao seu irmán menor, Iván, semella non estar tan cómodo no negocio familiar, se ben o seu pai matiza que o chaval ten agora 17 anos, e as cousas que se teñen na cabeza a esas idades.
A intención de Marcos é a de «seguir pescando cando o deixe o meu pai. Sobre todo, tal e como están os tempos», nos que unha ocupación segura é un tesouro.
Atrancos da administración
Neste punto, Antonio comenta que o sector «se está a poñer moi mal pola crise. O peixe ten pouca saída e pouco valor. Estáse a pagar por el case coma hai dez anos».
Pero isto non é o único que pode estar tirando para atrás a moitos posibles novos pescadores. «A administración aburre a xente que quere seguir no mar con tantos atrancos. A pesca estána eliminando as propias autoridades con tanto título e papeis que piden», lamenta Antonio.
LA VOZ DE GALICIA, 25/04/10
0 comentarios