Sanidade destina aos concellos galegos máis de 9,6 millóns de euros neste 2010. Entre eles está Pontecesures.

Publicado por Luis Angel Sabariz Rolán en

Pilar Farjas Abadía destacou o cumprimento do compromiso político de facerse cargo durante o ano 2010 dos gastos de mantemento de centros de saúde cun custe equivalente a un millón de euros

Ademais, Sanidade destina 1,6 millóns de euros a subvencións e gastos de mantemento de centros de saúde e PAC de toda Galicia; outros cinco millóns de euros para o programa de asistencia a drogodependentes, e dous millóns a programas de prevención
Sanidade destina durante este ano 2010 máis de 9,6 millóns de euros aos concellos galegos. Desta contía global, máis dun millón de euros corresponde ao cumprimento do Pacto Local, asinado coa Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP), e no marco do que se asumen durante este ano os gastos de funcionamento de 27 centros de saúde.

A conselleira de Sanidade, Pilar Farjas Abadía, presidiu o acto de sinatura dos documentos públicos (ante notario) que fan efectivo este trámite cos respectivos alcaldes; coa excepción dos de Mesía, Vilalba e Pontecaldelas, que non puideron acudir hoxe e teñen previsto a sinatura das escrituras nos próximos días.

A Consellería de Sanidade e o Servizo Galego de Saúde completaron en menos de seis meses a cesión dun total de 27 centros de saúde de toda Galicia, cuxa titularidade foi aceptada polo Consello da Xunta. Deles, doce sitúanse na provincia da Coruña (Culleredo, Curtis (2), Cedeira, Cerdido, Ames, Mesía (2), Miño, Serra de Outes, Muxía e Oleiros); catro na de Lugo (Cervo (2), Vilalba e Láncara); tres na de Ourense (Arnoia, Beade e Bande); e oito na de Pontevedra (Cerdedo, Baiona, Meaño (2), Ponte Caldelas, Pontecesures, Soutomaior e Valga).

Dende xaneiro, os xerentes de Atención Primaria acordaron cos concellos, caso a caso e centro a centro, o sistema de liquidación que xa está pactado para cada caso. En todas as situacións, o Servizo Galego de Saúde asume e liquida o custe con carácter retroactivo desde o 1 de xaneiro de 2010.

A Administración sanitaria galega actúa cos municipios para seguir tramitando con total normalidade e progresivamente a cesión dos diferentes centros de saúde no marco do acordo coa FEGAMP dentro do Pacto Local. A previsión para o total da lexislatura, é que a Consellería de Sanidade e o Servizo Galego de Saúde asumirán o mantemento de 238 centros, para o que se destinará un custe total aproximado de sete millóns de euros.

Esforzo en prol dos concellos
O Goberno galego está a realizar un importante reforzo do papel da Atención Primaria e das súas infraestruturas. Así como das axudas e actuacións a través dos gobernos municipais.

Neste senso, Sanidade lembrou que durante o ano 2010 destinará aos concellos galegos un total de 1,6 millóns de euros en concepto de axudas e subvencións para gastos xerais dos centros de saúde, e dos que 574.586 corresponden a Puntos de Atención Continuada. En concreto, a provincia da Coruña recibirá 771.385 euros; os concellos lugueses recibirán 276.844 euros, a de Ourense 237.977 e á provincia de Pontevedra destínanse 314.472 euros.

Ademais, nos orzamentos deste ano 2010, Sanidade destinou un total de cinco millóns de euros que se distribuirán en diferentes convenios con concellos que están a levar a cabo programas de asistencia a drogodependentes a través das súas unidades asistencias e unidades de día.

A Consellería de Sanidade tamén consolidan a súa aposta pola prevención das drogodependencias a través de programas por valor de dous millóns de euros.

Página oficial da Xunta de Galicia. 26/04/10


0 comentarios

Deja una respuesta

Marcador de posición del avatar

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.