Referencias ao Doutor Otero Acevedo nun artigo de José de Cora.
Era o último día en Madrid e o traballo levounos ata a rúa Pelayo, Ben crin que foramos facer algo da Reconquista, pero os colegas do cientificismo explicáronme o motivo. Segundo dixo o director, resulta que alí vivía o doutor Otero Acevedo, que é un dos tipos máis pintorescos, inquedos e descoñecidos da Galicia de finais do XIX.
Entre outros negocios, este home nado en Bos Aires e vinculado a Pontecesures foi o pioneiro da neurocirurxía española e seica operaba o nervio simpático cervical coma quen lava. Pois ben, neses anos o gachó andaba moi encerellado co espiritismo, a hipnose e todo a que tivese que ver co choio de falar cos mortos, coma lle ensinara a médium Eusapia Palladino.
O caso é que alí, na rúa Pelayo, Otero fixo un experimento que manda truco na Habana. Colleu un amigo co que xa fixera sesións de hipnose, durmiuno e díxolle que fora voando ata Compostela. Unha vez alí tiña que buscar polas rúas a Valle Inclán, que daquela aínda non publicara as Femeninas, tiña que seguilo durante unha hora e logo tiña que vir voando outra vez a Madrid a contarlle todo cando vise. E así foi. O amigo de Otero entra en éxtase e volve del ao cabo dos sesenta minutos. Esperta e cóntalle que atopara a Valle nunha librería da rúa do Vilar, onde foi logo, e todo o que acontece no tempo da viaxe astral. Con esa información no seu poder, Otero fala con Valle e repítelle paso por paso o que fixera aquel día. Don Ramón quedou dunha peza e durante toda a vida mantivo o seu interese polos espíritos e os aparecidos.
Escoitando a historia do director, dei en durmir recostadiño no asento de atrás, e cando volvo no meu ser e abro os ollos, diante do vehículo había un cartel que puña: «Pontecesures. Provincia de Pontevedra».
¿Vivira eu unha verdadeira metempsicose?
GALICIA HOXE
0 comentarios