Padrón perde.
A prensa diaria xa informou da actualidade, incluído pleno extraordinario no Concello e masiva manifestación de padroneses e restantes habitantes da bisbarra do Sar e Ulla, á que deu lugar a lamentable noticia sobre a problemática da Fundación Camilo José Cela en Iria Flavia. Foi coma unha «negra sombra» que de súpeto deixara a escuras estas terras do xacobeo Padrón.
Pero segue a loita para que os fondos da fundación do noso Nobel, do único Nobel galego, ao final non se movan, coma o mesmo Cela deixou dito, de Iria Flavia, onde el foi nado e está soterrado. Haberán de seguir autoridades e pobo unidos ata ver cumprido o obxectivo.
Non se entende como se pode xogar así cunha xoia do patrimonio cultural dun pobo sen tratar, coma moi ben expuxo na tristemente famosa reunión o alcalde padronés, Camilo Forján, de artellar unha solución económica, pois despois de todo o tesouro cultural continuando en Iria Flavia tamén segue en Galiza, ¿ ou non ? ¿Como é que logo cambiando para Santiago hai financiamento e quedando onde está non? Será, apuntaba un do público no pleno pasado, que no mapa deses señores Iria e Padrón, fundamentos do cristianismo en España, xa non figuran en Galiza.
Como tampouco se entende o papel dos membros do padroado da fundación. ¿ A que xogarían todos eses anos ? Mágoa que Padrón durante o derradeiro medio século non tivese ese grupo unido de políticos coma estes días e actuaran coma auténticos valedores do pobo.
Confiamos en que ao final a cordura se imporá e ese pretendido asoballamento sobre Padrón non se chegue a levar a cabo respectando o pobo e como o catedrático Darío Villanueva sinalou » o mais completo e importante legado de literatura do mundo» siga onde está .
Primeiro, como diría o propio Cela, leváronnos ó Apóstolo. Despois a Sé Episcopal iriense. Museo da arte sacro. Rosalía. A pretendida Fundación Cela agora. O tren de proximidades no aire… ata nos deixarían se puideran, como díria o simpático e popular Paco Genaro de Extramundi, sen o Pedrón, o paseo do Espolón ou o xardín botánico, e menos mal que o convento do Carme e o Padre Enrique, aínda seguen ahí…
En fin, cousas veredes…
Por José Castro Cajaraville. TIERRAS DE SANTIAGO, 09/06/10
0 comentarios