Oliveira cre que a pugna con Cal pola praza mundialista no C-1 200 se decidirá nos 50 últimos metros
O cesureño e o tetramedallista olímpico despexan esta mañá a incógnita en Verducido
A dous anos dos Xogos de Londres 2012, en pleno ecuador do ciclo olímpico, a participación no Mundial Absoluto de Piragüismo eleva exponencialmente o seu valor respecto á edición do 2009. Todo o que non sexa asistir á cita internacional da vindeira semana en Poznan, Polonia, suporía un duro golpe para quen, coma David Cal, convertíu a loita polas medallas olímpicas no eixo central da súa carreira deportiva. E hoxe o de Hío podería quedar fóra do Mundial Absoluto se non é quen de superar no derradeiro control selectivo da Real Federación Española de Piragüismo (RFEF) a José Luis Bouza (Kayak Tudense), no C-1 1.000 metros (9 horas), e o cesureño André Oliveira (Náutico Firrete), no C-1 200 (11 horas).
Ao igual ca Bouza, a gran promesa da canoa do Baixo Ulla aspira esta mañá nas augas pontevedresas de Verducido a repetir o seu éxito no primeiro selectivo do ano. O organizado pola RFEF o 12 de xuño en Trasona, Asturias, para determinar os integrantes do equipo español no Europeo Absoluto a comezos de xullo no mesmo escenario. Oliveira gañoulle entón a primeira gran batalla a Cal, impoñéndose cun crono de 42,884 e 614 milésimas de segundo de vantaxe sobre o ex campión olímpico.
André comentaba onte na véspera do novo selectivo que o control para o Europeo «non serve de referencia. Pasaron dous meses», sinala, «e el -Cal- leva máis adestramentos enriba».
Sen referencias do seu rival
Ademais da calidade sobradamente coñecida do cangués, Oliveira conta hoxe na súa contra coa falta de información dispoñible sobre o estado de forma de Cal. Neste senso, o cesureño lembra que o ex campión olímpico «leva estes últimos meses adestrándose en Lugo e ninguén ten idea de como anda». Como tampouco sabe «se preparou máis unha distancia ca outra» para o selectivo de hoxe, no que Cal pretende acaparar a representación hispana no Mundial nas dúas distancias olímpicas.
Así as cousas, o palista do Firrete ignora se a súa notable mellora respecto ao control de xuño lle resultará suficiente para facerse co derradeiro pasaporte español a Poznan. Fronte aos case 43 segundos cos que se fixo coa praza europea agora «ando sobre os 39 segundos altos», apunta.
A 67 milésimas de segundo de clasificarse na repesca para a final polo título continental absoluto do C-1 200, André saíu de Trasona a comezos de xullo decidido a apostar polo barco individual, en detrimento dun C-2 1.000 co que fora noveno e derradeiro na final do Europeo Absoluto. O sétimo posto na regata polo título do C-1 200 do Europeo Sub 23, categoría «cun nivel», di, «moi semellante ao absoluto», é a última referencia de Oliveira.
O rival de Cal no C-1 200 conta ao seu favor co desgaste do de Hío no seu duelo do quilómetro con Bouza dúas horas antes, e coa falta de rodaxe de Cal na nova distancia olímpica tras oito anos centrado no 500 e no 1.000.
Cambio de canoa
Coa fin de mellorar as súas prestacións, André abandonou hai un mes o modelo de canoa coa que traballara os cinco últimos anos por outro máis adaptado ao 200. «O casco é diferente», comenta, «e axuda a facer menos esforzo para manter recta a canoa na saída». E iso, «nunha distancia moi curta, na que unha palada mal dada ou unha mala saída supón perder a regata», pode ser hoxe determinante. O cesureño vaticinou nembargante que hoxe «a clave estará en aguantar os derradeiros 50 metros».
Fonte: «Pablo Penedo/La Voz de Galicia»:http://www.lavozdegalicia.es/arousa/2010/08/13/0003_8665774.htm
0 comentarios