Farjas no concreta se o centro de saúde de Cesures poderá dispoñer doutro médico e dun pediatra
Na visita que realizou onte a conselleira de Sanidade, Pilar Farjas, ao PAC de Valga con motivo da súa inauguración tralas obras que o departamento acometeu alí, Farjas non quixo deixar claro se a petición de Maribel Castro, alcaldesa de Pontecesures de dotar o centro de Cesures cun médico e un pediatra, será cumprida.
«Coa implantación da receita electrónica e a aplicación das novas tecnoloxías na Sanidade, os médicos quedarán máis libres e adiantarán traballo», isto foi todo o que dixo a conselleira, que, pese á insistencia da pregunta por parte da alcaldesa, non deu unha resposta clara.
O centro de saúde de Pontecesures conta, a día de hoxe, con un médico que, segundo Luís Ángel Sabariz, concelleiro de relacións institucionais «ten máis de 1.700 cartillas, o que está por enriba da radio paciente médico, e, ademais, hai outros 1.300 cesureños que teñen que recibir asistencia no PAC de Valga» sinalou Sabariz, que tamén quixo destacar a necesidade dun pediatra para o centro de Cesures, pois «os seus máis de 450 nenos teñen que acudir ao PAC, con todos os problemas de desprazamento que isto trae consigo, xa que non hai transporte público. Superando así tamén o ratio da pediatra de Valga».
A actuación de Sanidade no PAC de Valga tivo un custo de 1,6 millóns de euros, cos que, ademais de renovar o centro, se ampliou en 506 metros para dotalo de infraestruturas para todos os colectivos.
LA VOZ DE GALICIA, 18/09/10
0 comentarios