Carmen Comparada y Juan José Castaño. Os reis da tortilla de patacas.
Carme e Juan José, posan xunto a filla de Juan, a pequena Helena.
A exquisitez coa que Carme Comparada elabora este prato é unha das causas que cada día fai que a xente se acerque ao bar Comparada, en Valga
No ano 1926, Andrés Comparada volvía de Bos Aires, onde estivo emigrado, e abría un bar, o Comparada. Ao principio era moi modesto e pequeno, pero co tempo logrou ir ampliando, e incluso o converteu nun salón de baile, no que se celebraban festas por datas sinladadas coma o antroido ou San Xosé.
«Estas festas, que enchían o salón de xente e bo ambiente, pouco gustaban aos curas da época», sinala Carmen Comparada, filla do finado Andrés. O seu pai estivo no Comparada o resto da súa vida, até os 93 anos.
Carmen Comparada logo tomou as rendas do negocio. Ela xa non o mantiña como salón de baile, senón que o famoso do bar Comparada na época é o mesmo que o dá a coñecer hoxe en día: a súa comida. Cocidos, tortillas, orella, fabada ou empanada, entre outras cousas, atraen a veciños e xente doutros lugares con ganas de probar a boa comida de Carmen e do seu fillo, que é agora quen rexenta o bar.
Juan José Castaño é herdeiro da tradición de traballo e da boa fama que a súa nai, Carmen Comparada, e o seu avó Andrés Comparada, lle deron ao bar.
Agora máis ampliado e restaurado, chama tamén a atención pola historia que ten tras del. Durante os primeiros anos do franquismo, xunto con outros locais da zona, Carmen encargábase de repartir os alimentos que o Goberno mantiña na carta de racionamento. Aceite, azucre ou arroz eran algúns deses paquetes que as familias viñan a buscar a bares como o Comparada. Ademais de para o racionamento, naquel momento era tamén unha taberna e un ultramarinos.
Disto xa non se acorda Juan José, que manexa agora o bar Comparada, no que as súas anécdotas son ben diferentes. «Do que me lembro é de que, aqueles aos que eu lles vendía gusanitos cando eran pequenos, agora pídenme cubatas», confesa.
Dende que el tomou as rendas do Comparada, no ano 2000, a historia cambiou moito, pero non a tradición familiar, que segue dominando á perfección a arte da tortilla de patacas e outras comidas, que seguen sendo un reclamo para os que coñecen o Comparada.
Cando se lles pregunta a Carmen e a Juan José polo segredo da súa boa fama, Juan adiántase afirmando que «aquí temos as tres b, bueno, bonito y barato». Isto, acompañado dun trato que non distingue entre persoas fan que haxa días nos que o Comparada complete o seu aforo de 100 persoas.
O Comparada pasou de ser salón de baile, a dispensador da carta de racionamento ao mesmo tempo que ultramarinos e taberna, e hoxe, convértese ademais no punto de encontro da zona. No Comparada reúnense representantes de distintas xeracións da mesma familia, pois, os que antes eran novos, agora son adultos, e traen aos fillos, e os que antes eran adultos agora son vellos. «? a roda da vida», di Juan José.
De momento, tres foron as xeracións que pasaron polo Comparada, e pasará outra máis, que, aínda que non leve o apelido Comparada, éo tanto coma os demais. Helena Castaño, con tan só dous anos, é unha firme candidata a prolongar a historia desta familia e deste negocio, a súa nai, Susana Ordóñez, que bota unha man no bar de cando en vez, así o ve.
LA VOZ DE GALICIA, 19/09/10
0 comentarios