Sementar, sementarei…

Publicado por Luis Angel Sabariz Rolán o

O espantallo «Pepe o Peregrino» guiou os rapaces ata a finca onde se fixo a sementeira.

Cando me comentaron desde Valga que voltaban os encontros interxeracionais coa sementeira do trigo, véuseme á cabeza a canción de Fuxan os Ventos. Nesta historia que nos ocupa hai adultos, e ben curtidos na vida, da asociación da terceira idade Axentiva. E tamén nenos. Arredor duns 120 escolares chegados dos centros Ferro Couselo e Baño de Valga, e Agro do Muíño de Ames. Despois dunha semana de clases teóricas sobre a materia nas aulas, tocaba aprender en vivo dos que saben como garantir a subsistencia cun pouco de terra e cunhas sementes.
O espantallo, feito por integrantes da asociación local Asmivalu, foi diante da pequena camiñata que a primeira hora da mañá levou os nenos desde o auditorio de Valga ata a finca do Porrenllo, na aldea de Ferreirós. Alí foron varias decenas de socios de Axentiva os que lles comezaron a explicar como facer as marxas, os regos entre os que se bota a semente do trigo. Legoñas e angazos en man, xente coma Bienvenido Cordo , Ramón Pereira , Manuel Devesa , Dolores Carril , Hermitas Devesa ou Mercedes Buceta déronlles unha clase maxistral aos nenos coa axuda das vacas do Ferreiro de Senín e do arado de pao de José Burés , cada vez máis preto da centena.
Como isto de traballar no agro dá moita fame, aínda que os rapaces se limitaron a mirar e a aprender, os organizadores agasallaron os escolares cunha parva . Ou o que é o mesmo, o xantar reparador de media mañá. Pan de millo e de trigo, chourizos, queixo, sardiñiñas e auga. O viño quedou para clarexar as gorxas dos que si mollaron a camisa.

LA VOZ DE GALICIA, 27/11/10

Categorías: Cultura

0 comentarios

Deixa unha resposta

Marcador de posición do avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.