Pontecesures-A Estrada. O camiño do Sal.
Descubrín hai moi pouco o Camiño do Sal, cando uns amigos me encargaron escribir unha historia sobre a ruta coa que o Expres de Vea une as vilas de Cesures e A Estrada, as dúas pertencentes ás Terras de Santiago.
Pontecesures é unha vila feituca e fermosa na que comeza a apertura da ría máis fermosa do mundo, en realidade é o porto das Terras de Santiago e alí remata a ruta marítima que polo Ulla leva a Compostela.
Pero ten moita máis historia, dende a súa ponte romana logo reformada polo mesmo Mestre Mateo. En 1467 o rei Henrique IV outorgoulle o importantísimo privilexio da descarga en toda a ría de produtos sobre os que exercía férreo monopolio o seu reinado. Isto orixinou un febril mercado e tráfico que trataron de ordenar os ministros do monarca Carlos IV ordenando a construción dun alfolín, coñecido como Almacén de Rendas Estancadas no que se facía acopio e custodiaban esas mercadorías que daquela tiñan unha importancia estratéxica e que o enxeño popular chamou «as sete rendiñas», tales eran chumbo, pólvora, almagre, vermellón, lacre e naipes, ademais dos sumamente prezados por necesarios sal, nitratos e tabaco. Pero onde hai monopolio e necesidade aparece automaticamente o contrabando e aí empeza a historia do Camiño do Sal.
Os paisanos daquel tempo facendo gala dun valor e un esforzo titánicos transportábano con carros de bois e reatas de mulas polo Val de Vea cara a Santiago e outros lugares sen ter que pagar rendas nin tributos. Percorrían un camiño que atravesaba montes inhóspitos izados de gardas, lobos, igrexas románicas, cruceiros, escuridade, lendas, paisaxes e historias apaixonantes que hoxe constitúen un verdadeiro tesouro nunha ruta natural das Terras de Santiago.
Por Valentín García. Escritor e veciño da Estrada
TIERRAS DE SANTIAGO, 15/02/11
0 comentarios