A fusión de municipios.
Hai tempo que xa se falou da posibilidade da fusión de municipios se ben últimamente se está a tratar o tema con máis insistencia, aínda que en xeral non parece darse moito consenso nas opinións, decantándose algúns alcaldes mais ben por unha sinxela unión comunitaria de servizos.
Neste senso debemos lembrar que xa alá polo 1989 o daquela alcalde padronés, Jesús Villamor, ofrecera aos seus homónimos da comarca do Sar, é dicir a Vila Brión por Dodro e Francisco Eiras por Rois, mancomunar o servizo da ambulancia na comarca.E asemade o cronista tratara semellante procedemento na etapa do a sazón rexidor padronés da UCD Eduardo Otero en 1981, que se manifestaría abertamente en contra, desexando en cambio unha mancomunidade de municipios cos mesmos concellos e aos que tamén se poderian unir Cesures e Valga ou Catoira que a pesares de ubicarse na provincia pontevedresa, a súa escasa distancia así o recomendaría. E falabamos da creación xa daquela dun equipo contra incendios.
Como os nosos lectores poden decatarse pois, non son novidade algunha tales pretensións se ben xa en canto ao da fusión total de municipios non parece satisfacer a todos.
De calquera maneira está claro que os tempos mudaron moito e na actualidade parece un tanto anacrónico que sigan manténdose moitos dos municipios que tanto pola súa proximidade entre sí coma polas facilidades de desprazamento de hoxe en día, e sobre todo polo seu escaso censo poboacional, non cheguen á tan comentada fusión entre os concellos.
Nembargantes haberá que seguir esperando a que o tempo nos depare algún novo acontecemento ou cambio de opinións mais favorables a esa na actualidade tan debatida cuestión da posible fusión de municipios, para a que entre a cidadanía de a pé moitos son favorables vendo nelo unha posible e importante economía.
Por José Castro Cajaraville (Padrón)
TIERRAS DE SANTIAGO, 08/03/11
0 comentarios