«Cando saín escollida, se me dan unha labazada non me quedo máis fría».
Castro quere seguir pero ten o seu retrato listo.
A rexedora defende o seu dereito a exercer o cargo: «Se me presento é para ser alcaldesa»
Hai catro anos, a súa formación, Independientes de Pontecesures, foi a menos votada, obtendo 205 sufraxios e a súa solitaria acta. Malia todo, Maribel Castro foi elixida alcaldesa grazas ao apoio do Partido Popular e os dous concelleiros electos do PSOE, que foron expulsados do Partido Socialista. Dende entón, goberna coligada con eles. Agora, con sete candidaturas na pelexa electoral, a rexedora aspira á reelección.
-A súa elección foi moi criticada.
-E a pregunta que eu me fago é por que. Outros, cuns poucos votos, desbancaron a quen tiña máis. En Pontecesures era necesario un pacto, e nese momento nin o PSOE nin o PP querían que Angueira gobernase. Apoiáronme a min, que era a única alternativa.
-Pero era vostede a menos votada.
-Eu fixen o que sempre fago: votar por min mesma. Se me presento é para ser alcaldesa, como todo o mundo que está nisto, non para ser concelleira.
-¿Foi complicado alcanzar aquel acordo?
-Non, porque non houbo nada previo. Eu cheguei e votei por min. Cando levantei a man levantárona eles tamén. E quedei moi sorprendida, se me dan unha labazada non me quedo máis fría. Boteime a chorar. Ninguén auguraba entón que durásemos máis de tres meses, e levamos xa catro anos de goberno.
-¿Como son as relacións entre os tres portavoces?
-Con Randulfe a relación é difícil. Levamos xa moito tempo facendo o traballo Sabariz e máis eu. Aos do PP non lles gusta que lles mande ninguén, e moito menos unha muller. Aínda non chegamos á igualdade completa. Pero é o que eu lles digo aos rapaces da oficina, aos funcionarios. «Nós somos aves de paso, o voo remata o 22 de maio, e sodes vós quen levades o Concello». Agora, que tamén lles digo: «Ídesvos lembrar moito de min, xa veredes».
-¿? que non se ve repetindo, logo?
-Eu preparei un lugar no Concello para ter todos os retratos dos alcaldes de Pontecesures. O último é o de Angueira, que xa está colocado, e eu teño tamén o meu aínda sen poñer. Se non saio elixida, poño a fotografía e marcho tan tranquila. Pero si creo que vou repetir. Se a xente valora o meu traballo votarán por min. Deles depende.
-¿Que subliñaría destes catro anos?
-O meu slogan: «Acabamos de chegar e xa fixemos moito». Saneamento, démoslle a mesma cor a toda a vila, amañamos a Plazuela e a praza do Coche de Pedra, ampliacións de camiños, rehabilitacións, a depuradora de Grobas, a escola obradoiro… Quédame a espiña dun centro cultural.
-¿Como se leva con Angueira?
-Normal. Gobernei con el, agora está na oposición e podemos discutir, pero nunca nada persoal, pásanos deseguido.
-Vostede estivo tamén no PP. ¿Que lles pasa? ¿Por que tanta escisión?
-A min no 2003 quitáronme o carné. O único que sei é que tomaron a decisión final sobre o candidato dende arriba, dende a Deputación.
María Isabel Castro Barreiro
19 de novembro de 1950, en Pontecesures
Casada, ten un fillo, unha filla e catro netos
Secretaria de dirección
Concelleira independente en 1995, desembarcou no 99 no PP xunto a Trenco. Outra vez independente a partir do 2003, gobernou aliada co BNG de Angueira, ao que desbancou da alcaldía hai catro anos.
LA VOZ DE GALICIA, 06/05/11
0 comentarios