Nota íntegra sobre as instalacións da OMIX de Pontecesures.

Publicado por Luis Angel Sabariz Rolán en

O Concello de Pontecesures ten dende hai tempo unha Oficina Municipal de Información Xuvenil (OMIX) atendida por un traballador contratado polo concello. A Xunta de Galicia concede unha subvención ano tras ano para sufragar parte do custos laborais do traballador.

Ao remate do mandato do goberno anterior a oficina estaba situada no primeiro andar da Casa do Concello cumpríndose, como non pode ser doutro xeito, o establecido polo artigo 102.2.a) do Decreto 50/2000, do 20 de xaneiro, polo que se refunde e actualiza a normativa vixente en materia de xuventude que establece:

«As oficinas municipais de Información Xuvenil contarán como mínimo con:
a) Un local axeitado de uso exclusivo, distribuído en dúas zonas claramente diferenciadas e separadas, unha para o traballo de organización e elaboración dos materiais de consulta e outra para a atención ó público».

Deste xeito o profesional estaba nun despacho e ao lado había outra sala, claramente diferenciada, para as funcións establecidas na normativa.
Precisamente durante o mandato anterior, a alcaldesa tiña a intención de utilizar a segunda sala para outros usos e tivo que desistir ao argumentar o propio traballador do concello que non se podía incumprir a normativa relativa aos espazos da OMIX.

Porén; a pouco de entrar o actual goberno trocou a situación. O despacho do informador xuvenil pasou a ser o despacho do primeiro tenente de alcalde, Ángel Manuel Souto Cordo, e a sala da OMIX pasou a ser o despacho do segundo tenente de alcalde, Roque Luis Araújo Rey. Agora a OMIX atópase noutro despacho do primeiro andar do Casa do Concello, pero sen sala adicional nin zona diferenciada algunha. Só hai o despacho de atención ao público por parte do informador. Todo parece indicar que se incumpre a normativa.

Quere denunciar a ACP esta situación na que non se respecta a normativa, e todo por acomodar nos seus despachos aos Sres. Souto e Araújo que teñen dedicación exclusiva e perciben un salario todos os meses gastando o goberno local uns 30.000 euros máis ao ano por este apartado de dedicacións exclusivas en relación co goberno anterior. Ademáis de sair máis caro este goberno (hai que engadir que houbo que pagar algún mobiliario para un dos novos despachos utilizados polos tenentes de alcalde), supoñemos que pode haber problemas para obter a subvención da OMIX por parte da Xunta de Galicia e iso sería grave para a economía municipal.

En consecuencia solicitamos ao alcalde que se corrixa esta situación, e se nos informe se esta incidencia pode ter unha repercusión negativa para Pontecesures en caso de que teñamos unha visita de inspección por parte da administración autonómica.

Pontecesures, 26/11/11

O concelleiro da ACP
Luis Ángel Sabariz Rolán


0 comentarios

Deja una respuesta

Marcador de posición del avatar

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.