Produto financeiro.

Publicado por Luis Angel Sabariz Rolán en

TI?AN o costume de saír cear con amigos unha vez á semana, logo dúas veces no mes e últimamente a cita xa se vai rareando por razóns evidentes para todo o mundo. Con todo, procuran esquecer o medo que se respira no ambiente porque, se ben o miran, eles, que gozan de bos e seguros empregos, son uns privilexiados. A última vez, o mes pasado, entraron no restaurante e sentaron no lugar que lles tiñan reservado. Pouco despois chegaron cinco persoas que se colocaron nunha mesa preparada para seis comensais. Durante algo máis de cinco minutos quedou baleiro un dos asentos e mentres tanto os demais foron mirando os menús que lles fora entregando o camareiro.

Despois todo pasou moi rápido e ninguén sabería explicar como se iniciou aquel barullo que se formou. Polo visto, nada máis entrar o sexto comensal que faltaba para completar a mesa, alguén comezou a sinalalo co dedo e a facelo responsable dalgún dos problemas que sofre o país. A seguir, escoitáronse insultos, aillados ao primeiro, unánimes despois. Parecía coma se o resto da xente que estaba no comedor se fora quentando até que os improperios se fixeron tan xerais que aquelas seis persoas non tiveron máis remedio que erguerse e saír por onde entraran.

Logo viñeron os comentarios. Aquel home fora un dos máximos responsables dunha das caixas e marchara para a casa cos petos ben cheos. Logo, comezaron a enumerar as falcatruadas que toda aquela xente estivera facendo sen que houbese quen lle puxese freo. Un dos amigos que estaba ceando contoulles o caso duns tíos seus, moi maiores xa, que se viron enganados coa oferta dun novo produto financeiro que, segundo lles explicaron, era completamente seguro porque poderían recuperar os cartos cando quixesen. Non só non gañaron nada, senón que agora que necesitan amañar a casa porque lles chove dentro, non poden botar man deses poucos aforros que foran xuntando nos seus moitos anos de traballo. E o director que os atendera na súa oficina de toda a vida desapareceu coma se o tragase a terra.

Xavier Senín (Escritor)

EL CORREO GALLEGO, 13/02/12

Categorías: Opinión

0 comentarios

Deja una respuesta

Marcador de posición del avatar

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.