Nós e o medo ante a dereita.

Publicado por Luis Angel Sabariz Rolán en

Xabier Ron é profesor no CPI Pontecesures.

Non é doado falar do medo. «O medo garda a viña e non quen a vindima», «O que ten cú, ten medo», recóllese no Refraneiro galego de Taboada-Chivite. O saber popular sempre deu forma de sentenza ao medo: quizais, unha forma de dominalo.

O medo maniféstase. Exprésase. E cando se impón ao resto das nosas emocións, asoballándoas, fainos actuar. De que forma? Esa é unha interesante cuestión que ten tantas respostas como persoas hai.

Pode que me equivoque, pero, nas diferentes manifestacións, concentracións e protestas vividas o domingo 19 de febreiro e o xoves 23 de febreiro, en contra da reforma laboral e en contra da reforma da función pública, podía albiscar na unión daquelas persoas o desexo de vencer o medo. O colectivo como protección. O N?S que resgarda ao EU dos adversarios exteriores que o circundan.

Outra cousa é a utilidade, hoxe que todo se move en rendibilidades, dos nosos actos. Só como exteriorización dun enorme descontento fronte ao que é inxusto? Como demostración «interesada» de que é posible ir máis aló nas futuras accións de protesta?

De todo puiden escoitar. Mesmo un amigo espúxome un rápido discurso non improvisado sobre as folgas xerais en Galicia e sobre as condicións para o seu éxito ou non. Os sindicatos mesmo están organizando charlas pedagóxicas nas súas asembleas e centros de traballo para comprobar o grao de implicación das bases nunha suposta folga xeral. Está ben comprobalo. Faise porque existe temor. Os dirixentes temen un posible fracaso na convocatoria e, xa que logo, a posible des-posesión de instrumentos que presentar aos belixerantes políticos da dereita para convencelos de que están equivocados.

Non se cometa, de todos os xeitos, o erro de tratar unha folga xeral coma se esta fose un fin en si mesmo. Como se non existisen outras modalidades de resistencia e de confrontación. A folga xeral debe ser un medio para demostrarlle a quen elabora normas inxustas que se equivoca e que debe retroceder. E sabedora de que isto é así a patronal quere conculcar ese dereito.

Diversas circunstancias serven para, en cada un de nós, dar forma ás nosas dúbidas, aos nosos temores, aos nosos medos. E esas circunstancias dan e quitan sentido á nosa vida. Por iso, hoxe, cando o presente se conxuga de forma inestable e veloz, non debe causarnos abraio o permanente temor perante o futuro. Os propios belixerantes sábeno: describen con fatalismo as letras do noso futuro co fin de ir modelando e esculpindo as imaxes do medo no noso interior. O propio Séneca advertíanos contra isto: «Calamitosus est animus futuri anxius» (Desgraciado é o espírito angustiado polo futuro»).

A ese medo responden as conversas sobre o vindeiro mes de marzo, sobre o momento posterior ás eleccións andaluzas e asturianas, sobre o momento no que se anuncien os orzamentos para o 2012. Os axentes neoliberais e os da dereita que nos malgobernan non desaproveitan ocasión para introducir a perspectiva fatalista perante o futuro, mesmo ante o micrófono supostamente pechado, eloxiando a capacidade de abnegado sacrificio do pobo que supostamente aceptaría resignado os sacrificios necesarios para sacar «España» da crise. Todo está perfectamente estudado. Calculado. Coma nun xogo militar no que se trata de ir introducindo pezas nas liñas inimigas para, no momento oportuno, dar o golpe conquistador. Xogan co medo do pobo.
Como suxeitos, indivíduos situados fronte a unha situación de incertidume, de temor á perda do que se ten (unha mínima seguridade laboral para facerlle fronte aos gastos da vida), é factible que decidamos non facer nada que presupoña desestabilizar esa delicada estabilidade. Unha amiga, cando debatíamos sobre se faría ou non folga no caso de convocarse de forma unitaria (todo o que non sexa unitario é un erro, ou como di un amigo historiador, un rito; téñase en conta onde se desenvolve o escenario principal na toma de decisións sobre a reforma laboral), alporizouse e díxome: «olla a prensa de hoxe e verás como mesmo os sindicatos, que afirman desexar tumbar a reforma laboral, xa a están aplicando cos seus propios traballadores……entón, por que teño que arriscarme e perder o que me queda?».

E é que semella que os efectos de castigo derivados dunha folga serán superiores aos efectos beneficiosos. Por iso, a resignación, a abnegada obediencia ás imposicións (algúns poden chamalo mesmo prudencia) poden impoñerse aos desexos de loita, de reparación, de xustiza, de traballo digno e con dereitos.

E pode ser certo. Por que, en caso de facerse unha folga xeral como ditan os cánones de loita obreira (con unidade sindical, coa cooperación da forza política da esquerda, coa pedagoxía necesaria para paralizar o consumo enerxético e a produción do país), quen nos garante que o PP vai escoitar ao pobo? Alguén escoitou o que berrou durante incesantes días e noites o pobo grego? Modificou unha liña dos documentos Sarkozy despois das numerosas e concurridas manifestacións e folgas que paralizaron Francia durante días e días?

Que nos queda entón? Aceptalo, sen máis?

Eu digo non. Cómpre camiñarmos xuntos, vencendo ese medo que nos afoga cando estamos sós. N?S somos algo máis ca unha suma desconexa de persoas. Podemos debuxar un escenario ideal: comezamos desde xa cun clima permanente de mobilización nos centros de traballo (peches (incluídos centros de ensino) e redución/paralización das cadeas de produción por sectores, etc.); animamos a unha derrota da dereita en Andalucía e Asturias, e lle engadimos unha convocatoria unitaria de folga xeral, de seguemento masivo, que dure algo máis ca un día, que poña os luminosos indicadores de consumo enerxético cáseque a cero, que paralice o consumo, que obstaculice o xogo especulativo dos mercados: todo isto…, que efectos tería?

En todo caso, o futuro a medio prazo pasa pola conquista dos escenarios onde se toman as decisións que máis nos afectan. O control das institucións europeas, dos países europeos dominantes, o estado español e o noso país está en mans da dereita e das oligarquías financeiras. Mentres iso suceda, nada se pode facer.

Por iso, considero que os procesos constituíntes do novo futuro, que deben dar corpo a unha nova democracia, pasan pola re-conquista do imaxinario social (educación, cultura, información,…), e onde a mobilización permanente, crítica e constante da clase traballadora se una á conquista das institucións onde se elaboran as leis, para que estas sexan voz do corpo social da maioría.

Xabier Ron
Galicia Confidencial 27/02/12

Categorías: OpiniónPolítica

6 comentarios

outro · 7-03-2012 a las 17:19

??Adversarios exteriores?, ??modalidades de resistencia?, ??imaxes do medo?, «xogo militar», «liñas inimigas», «o medo do pobo», «a abnegada obediencia ás imposicións»,»clima permanente de mobilización», «conquista dos escenarios»…
APOCALÍPTICO. Houbo un momento no que pensei que se trataba de Afganistán, pero non, ahí estamos nós.
Engadímoslle a todo iso España entrecomillado, e algunha cousiña coma «os da dereita que nos malgobernan», «belixerantes políticos da dereita? ou «unha nova democracia». Diría que mais que unha opinión persoal, semella unha toma de postura de partido.
Sabariz, xa que te tomaches as molestias de colgar «iso» aquí (todos sabemos entrecomillar), suxiro que te tomes a molestia de dicir que Xabier Ron, ademais de mestre no colexio, ocupa/ocupaba cargos de responsabilidade en Esquerda Unida, e mesmo foi candidato nalgunhas eleccións. Así todos saberemos por donde veñen os tiros. E de seguido sería moi interesante saber as opinións que ó respeto teñen PP, PSOE, BNG, etc etc., que tamén terán moito que dicir.

Luis Angel Sabariz Rolán · 7-03-2012 a las 18:54

Efectivamente, «outro». Xabier Ron Fernández, militante de EU y del PCE, nació en Lyon en 1969. Estudió Filología Románica en la Universidad de Santiago de Compostela.
Ron fue el candidato a la alcaldía de Santiago en las elecciones locales de 2011 y antes fuera como nº1 de Esquerda Unida en la candidatura de A Coruña al Congreso de los Diputados en las elecciones generales de 2008.

papagos · 8-03-2012 a las 10:42

Este artigo de opinión publícase nun medio informativo en galego Galicia Confidencial no que Xabier Ron colabora, ten varios artigos publicados, xunto con outras persoas que proveñen de distintos ámbitos da sociedade e de distinta idioloxía. Evidentemente «outro» as palabras soltas fóra de contexto poden adquirir un significado distinto, dende a miña modesta opinión o artigo en absoluto é apocalíptico e defende basicamente, (non procede facer aquí unha disertación sobre o escrito) que a unión dos de abaixo é o único que pode frear aos de arriba. Sen dúbida calquera persoa agraviada pola toma de decisións dos nosos políticos pode compartir perfectamente esta opinión.

outro · 8-03-2012 a las 18:57

Pois unha opinión a túa tanto ou mais válida se queres ca miña, pero a min segue a parecerme unha visión apocalíptica. Mesmo ti engades outro concepto «os de arriba e os de abaixo» ¿quen son eses? ¿donde estás ti? ¿donde estou eu? ¿As dúas Españas para sempre?
«Españolito que vienes al mundo te guarde Dios….»

papagos · 9-03-2012 a las 09:52

A miña opinión «outro» é unha máis entre outras, nin máis nin menos importante que a túa. Non falo das dúas Españas, que sería outro tema con moita substancia para debater e que sin dúbida daría para moito. Falo de desigualdades sociais que por desgracia aumentan coa crise, e as decisións dos que nos gobernan lonxe de axudar aos que máis o necesitan contribúen a que medren as diferenzas a pasos axigantados. Por suposto eu son dos de abaixo e estou onde teño que estar, cos meus.
A min dáme igual que aos «españolitos», como ti dis, que veñan ao mundo os garde Deus ou non, o que quero é que teñan as mesmas oportunidades independentemente do berce onde nazan.

outro · 9-03-2012 a las 17:46

Agora falas de desigualdades sociais e de ter as mesmas oportunidades. E penso que niso todos estamos na mesma liña. Pero o que non sei é que ten ver iso con todo o anteriormente exposto. Esa linguaxe grandilocuente e cargada de adxectivos que nada teñen que ver con esa igualdade.
Estabamos a falar de empresa e traballadores. E semella que aínda non temos claro que ter unha empresa está á man de calquera (ou case calquera). Só compre ter un local (ou alugalo), montar o que queiras, dende un chiringuito de praia ata unha central nuclear, contratas un empregado e xa es empresario. E supoño que según todo o anteriormente exposto, desde ese mesmo momento xa es un apestado. Pois vale.

Deja una respuesta

Marcador de posición del avatar

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.