O proxecto de formación de persoas adultas do Concello de Pontecesures acada a máxima subvención da Consellería de Educación por ser un dos mellor valorados.
O Proxecto de Formación de persoas adultas do Concello de Pontecesures, entre os mellor valorados, acada a subvención máxima da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria
A Subdirección Xeral de Aprendizaxe Permanente e Ensinanzas de Réxime Especial fixo pública a proposta de Resolución das Subvencións para a realización de actividades de formación de adultos durante o ano 2012
Os cursos de Educación de persoas adultas que organiza o Concello de Pontecesures desde o ano 1995 contan cun elevado número de participantes e cun moi elevado índice de aprobados. A avaliación do proxecto presentado polo Concello na actual convocatoria obtivo 87 puntos -figurando no nº 13 das 51 propostas- o que lle outorga a subvención máxima establecida na convocatoria, 6.000?. O actual curso 2011/2012 iniciouse con 27 alumnos e alumnas, a maioría do noso Concello, o pasado mes de setembro, asumindo o Concello os custos deste primeiro cuadrimestre, cuxa realización permite que o alumnado de Pontecesures obteña tan bos resultados nas probas (a media de aprobados dos últimos anos é dun 80% entre os alumnos propostos para as probas oficiais) xunto coa calidade profesional e dedicación da mestra que imparte as clases.
A Actividade formativa dirixida ás persoas adultas para a preparación das probas de obtención do título de graduado en Educación Secundaria mediante a presentación ás probas extraordinarias que convoca anualmente a Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa mediante a matriculación do alumnado na modalidade a distancia da Educación Secundaria de persoas Adultas realízase en coordinación co centro de Educación Permanente de Adultos de Pontevedra.
O Concelleiro delegado da área e Alcalde en funcións Roque Araujo quixo, así mesmo desexar sorte aos alumnos e alumnas que na vindeira semana concorren ás probas oficiais, e lembrou a importancia e interese desta actividade que permite acadar a titulación educativa básica, imprescindible para a inserción laboral, a aqueles veciños e veciñas que, por diversos motivos carecen da mesma.
0 comentarios