Empanada baixo cuberto en Cordeiro.
Apesar da chuvia Cordeiro non faltou á súa cita coa empanada de millo. Iso sí, tivo que facelo baixo cuberto. Os corenta metros de produto non puideron despacharse, como é habitual, nos arredores do teleclub, senón que as racións repartíronse no interior do inmoble. Os valgueses e tamén xentes doutras vilas do entorno demostraron unha vez máis o que lles gusta esta empanada xigante e acudiron en bo número a botarlle a boca, aínda que tamén foron bastantes que, á vista de que o tempo non acompañaba, optaron por levar as porcións para as súas casas e así degustalas con máis tranquilidade.
Retrasouse un pouco a concurrencia, que estaba a ver o partido de España, pero tralo pitido final xa non había impedimento algún para ir probar a empanada. Arredor das oito e media da tarde apenas quedaban sen vender uns dez metros e aínda quedaba festa por diante. En caso de que sobrara produto, a Sociedade Cultural e Deportiva tiña previsto donalo a Cáritas. O bacallao con pasas foi moi demandado, pero o que máis triunfo, un ano máis, foi a zorza. Xa o esperaban os organizadores, que utilizaron este recheo máis ca nunca e ata lle botaron máis picante. Pero quedou demostrado que, canto máis pica, máis gusta.
DIARIO DE AROUSA, 11/06/12
0 comentarios