A dignidade esmorecente.
Non é doado facer escoitar as voces dos que non teñen voz. Por momentos case nen ousan berrar que traballan aquí, entre nós, ou máis ben que sobreviven, a expensas de manter a documentación en regra e vendo como as diferentes medidas lexislativas (a última a da atención sanitaria) só procuran afogalo…aínda máis.
E xa non digamos toda a instrumentalización electoralista e populista dos malos políticos deste país que ??diparan? panfletos e libelos contra o ??chibo expiatorio?…eles deben ser os culpables da catástrofe financeira e do colapso de Bankia, de Nova Galicia Banco, e demais sucursais do gran casino.
Outro nivel acadan, desde logo, as persoas migrantes e os seus dereitos…unha vez no mar. O último informe da organización francesa de axuda ás persoas migrantes CIMADE contén unha boa mostra do comportamento asasino das políticas migratorias europeas.
En efecto, no ano 2011 milleiros de homes e mulleres (uns 50.000, segundo algunhas estimacións) que se lanzaron ao mar (logo da tan cacarexada primavera árabe) en penosas embarcacións, por mor de non ter acadado o visado para vir estudar ou traballar na Europa, morreron na indiferenza dos Estados europeos: unhas 1.500 persoas. Moito falar da primavera árabe, moito bombardear países africanos, moito desexar intervir noutros máis…, pero cando as súas xentes deciden cruzar o mar…aí xa se nos vé de que pé coxeamos en materia de política migratoria. Por iso, só podemos, desde aquí, apoiar e amosar a nosa solidariedade co colectivo de nais de Tunisia que se asocian e reclaman hoxe saber que aconteceu cos seus fillos cando procuraron esacapar do inferno e decidiron cruzar o mar.
Como se recolle no informe da CIMADE, o máis anoxante é comprobar como barcos da OTAN ignoraron de forma consciente as chamadas de socorro dunha embarcación con persoas migrantes a bordo.
Para dar a coñecer o que está en xogo hoxendía no mar, debido ao endurecemento das políticas securitarias europeas, que fan recuar o dereito marítimo máis fundamental, unha rede de asociacións europeas e africanas lanzou a iniciativa Boat4people.
Trátase de informar á opinión pública, mais tamén de abrir o debate no seo das xentes do mar para que se constitúa unha rede de vixilancia e defensa dos dereitos das persoas migrantes no mar. Boat4people levará a cabo tamén unha batalla xurídica para perseguir aos Estados, á OTAN, Frontex ou aos seus axentes cando existan sospeitas de violación dos dereitos humanos das persoas migrantes.
Anúnciase que en xullo de 2012, Boat4people organizará un percorrido en barco entre Italia e Tunisia. A tripulación estará composta por militantes, parlamentarios, artistas e xornalistas.
Xabier Ron
GALICIA CONFIDENCIAL
0 comentarios