Tadavía non coñecemos á directora pedagóxica da gardería municipal.
No día de hoxe recibeu este concelleiro, a través da alcaldía, unha invitación da «dirección e as traballadoras da Escola Infantil Municipal de Pontecesures» para asistir ao festival de Nadal da escola que terá lugar o día 20 do mes que andamos no polideportivo municipal.
A verdade e que quedei sorprendido polo térmo «dirección» da invitación pois, como xa foi exposto aos medios, xa imos para catro meses dende que comezou o curso e non coñezo á directora, como tampouco a coñecen os demais integrantes da oposición municipal, moitos pais/nais, e a comunidade educativa en xeral.
A alcaldía facilitounos o nome da directora pedagóxica en setembro pasado (logo de solicitalo por escrito) pero en dúas ocasións presentámonos os concelleiros da oposición no centro e alí non estaba a directora. Considérase así que se está a incumprir a normativa que indica que a directora ten que asistir ao centro a diario como o restante persoal da gardería.
Hai máis dun mes que foi denunciado este feito nos medios, e nin por parte do goberno local, nin da fundación adxudicataria do servizo, deusenos explicación algunha do que estaba a suceder. Segue sen coñecerse á directora pedagóxica e iso prexudica, obviamente, a formación dos alumnos/as.
Polo exposto, este concelleiro non vai asistir ao festival do Nadal. Suponse que nesta festa sí estará a directora, pero non desexo participar nesta especie de «paripé». Cando ten que estar a directora, é nos labores docentes de todos os días. A miña ausencia é a forma que teño de expresar a queixa polo que está a suceder.
Pontecesures, 18/12/13
Luis Ángel Sabariz Rolán
Concelleiro da ACP Pontecesures
0 comentarios