Tras o sorteo realizado o pasado venres 10 de xaneiro entre todas e todos os participantes na campaña de Nadal “𝐌𝐞𝐫𝐜𝐚𝐫 𝐞𝐧 𝐏𝐨𝐧𝐭𝐞𝐜𝐞𝐬𝐮𝐫𝐞𝐬, 𝐭𝐞𝐧 𝐩𝐫𝐞𝐦𝐢𝐨!”, ó longo desta semana comezaron a entregarse 𝗼𝘀 𝟰𝟵 𝗮𝗴𝗮𝘀𝗮𝗹𝗹𝗮𝗱𝗼𝘀 𝗱𝗼𝗮𝗱𝗼𝘀 𝗽𝗼𝗹𝗼 𝗰𝗼𝗺𝗲𝗿𝗰𝗶𝗼 𝗹𝗼𝗰𝗮𝗹 𝗲 𝗼𝘀 𝗱𝗼𝘂𝘀 𝗰𝗵𝗲𝗾𝘂𝗲𝘀 𝗱𝗲 𝟰𝟬 𝗲𝘂𝗿𝗼𝘀 𝗱𝗼𝗻𝗮𝗱𝗼𝘀 𝗽𝗼𝗹𝗼 𝗖𝗼𝗻𝗰𝗲𝗹𝗹𝗼 𝗱𝗲 𝗣𝗼𝗻𝘁𝗲𝗰𝗲𝘀𝘂𝗿𝗲𝘀 para incentivar o consumo no noso comercio.
Máis de 𝟏𝟓.𝟎𝟎𝟎 𝐩𝐚𝐩𝐞𝐥𝐞𝐭𝐚𝐬 entregadas polos comercios participantes ós seus clientes nesta campaña, dan boa conta do éxito desta iniciativa coa cal, o Concello de Pontecesures, busca 𝐝𝐢𝐧𝐚𝐦𝐢𝐳𝐚𝐫, 𝐢𝐦𝐩𝐮𝐥𝐬𝐚𝐫 𝐞 𝐟𝐨𝐦𝐞𝐧𝐭𝐚𝐫 𝐨 𝐜𝐨𝐧𝐬𝐮𝐦𝐨 𝐧𝐨 𝐜𝐨𝐦𝐞𝐫𝐜𝐢𝐨 𝐥𝐨𝐜𝐚𝐥.
Agradecer a participación dos locais comerciais e a boa acollida por parte do público desta campaña!
Dirixida a nenos/as de 3 ata 12 anos. Días de actividade: 23, 24, 26, 27, 30 e 31 de decembro de 2024 – 2 e 3 de xaneiro de 2025. PRAZO DE SOLICITUDE ATA O 19 DE DECEMBRO.
Con máis de 50 anos de idade esta veciña de Pontecesures descubriu o seu talento innato para crear fermosas e realistas figuras de cerámica. En pouco tempo foi quen de dar vida a impresionantes recreacións de persoeiros, xente do cotiá e dun Belén de Nadal que chegou a estar exposto no Museo Provincial de Pontevedra
Foi a partires da década dos 60 cando María Magariños, coñecida como “A Cuca”, comezou a deseñar unhas pezas moi delicadas, que aínda hoxe conservan os seus familiares.
No pleno ordinario de xaneiro, a Corporación de Pontecesures acordaba render homenaxe a unha das grandes persoeiras de Pontecesures no pasado século. O vindeiro día 9, un tramo da Subida do Requeixo pasará a levar o nome de María Magariños Figueira. “A Cuca”, como era coñecida, foi unha artista naif, autodidacta e improbable, porque nin ela mesma foi consciente do seu don ata superar os 50 anos de idade.
Filla de Ramón Magariños e María Figueira, María naceu o 10 de agosto de 1910. Costureira de oficio, non sería ata xa entrada a década dos 60 cando comezaría a dar vida ao seu legado infinito: a creación de figuras de barro sen cocer. Facendo uso dunha forquiña para o cabelo e dunha pequena navalla de man, o que comezou como un pasatempo acabaría por confirmarse como un brote artístico sen precedentes. En apenas uns meses creou un espectacular Belén de Nadal, que chegou a ser exposto no Museo Provincial de Pontevedra a principios dos 70. As primeiras recreacións de temática relixiosa deron paso a reproducións de persoas do cotiá, ata dar vida coas súas mans a réplicas impresionantes de Rosalía de Castro, Carlos Maside ou Félix Rodríguez de la Fuente. Así o recolle José Piñeiro Ares no seu libro Historia de Pontecesures.
A propia “Cuca” contaba a súa experiencia nunha entrevista concedida a Diario de Pontevedra en 1971. Foi nun serán do Día do Pilar cando recolleu restos de barro sobrantes da obra da nova estrada, que utilizou para moldear a súa primeira figura: “un macaco”. A partires de aí, viría todo o demais. “Encántame facer isto, as horas pasan moi rápido”, declaraba na devandita entrevista, na que tamén explica que as figuras do Belén “fíxenas todas nun mes porque non as podía mercar”.
Figuras de barro sen cocer feitas por ‘A Cuca’.
María Magariños tivo cinco fillos e oito netos e netas. Unha delas, Olga Vieites, explica con orgullo que o prezado tesouro artístico da súa avoa o garda a familia. “Son pezas moi delicadas, porque están feitas sen cocer, pero tanto as do Belén como moitas outras aínda as gardamos”, sinala Olga. “Era unha persoa con boa formación para a época. Sempre comentaba que lle tería gustado ser mestra, pero as circunstancias eran as que eran”, recoñece a súa neta, en referencia á Galicia da emigración e da dura vida do rural, na que a figura da muller alcanzaba unha importancia que non era recoñecida como tal.
A pesar do interese suscitado, María negouse a sacar rédito económico das súas creacións. “Nunca quixo vender nada e iso que ofertas tivo de sobra”, asegura Olga. “Como moito, regalábaas”. O polígrafo Fernando Cabeza Quiles, que pasou parte da súa nenez en Cesures, visitou o taller da “Cuca” cando contaba cuns dez anos de idade. Aínda hoxe recoñece a sorpresa que se levou ao ver as figuras. “Estaban feitas con verdadeira mestría”, recorda. Sobre a súa autora, fala dunha muller “amable, humilde, loitadora e indomábel”.
A proposta de dar o seu nome ao tramo da Subida do Requeixo no que se atopa a súa casa forma parte dos actos organizados polo Concello co gallo do Día da Muller. O Goberno local cesureño sinala que o feito de chamar a este espazo Rúa María Magariños Figueira recoñece “o talento e a creatividade dunha muller que deixou unha fonda pegada e un legado artístico cun valor incalculable para Pontecesures”.
“A Cuca” finou en 1995, aos 84 anos. Nembargantes, preto de tres décadas despois do seu pasamento, o seu legado e o seu recordo continúan máis vivos ca nunca no seu Pontecesures natal.