A Fundación Rosalía de Castro de Padrón estrea arquivo informatizado.
A Fundación Rosalía de Castro deu onte un paso de xigante para recuperar a casa-museo da escritora en A Matanza, en Padrón, «do esquecemento e da parálise» na que estaba ata non hai tanto, segundo declarou o presidente da entidade cultural, Anxo Angueira.
E fíxoo co estreno do arquivo informatizado de toda a documentación histórica da fundación, que xa está ao alcance dos investigadores. Para iso, a institución padronesa contou cunha axuda económica de 4.000 euros procedente da Consellería de Cultura. Onte, Anxo Angueira e o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, anunciaron a apertura do arquivo, que xa é un espazo aberto a investigación logo de rematar unha primeira fase de organización, descrición e informatización dos fondos da entidade padronesa, que se atopaban nunhas «condicións lamentables», segundo dixo Angueira.
Trátase, na súa maior parte, de fondos documentais, gráficos e mesmo sonoros que datan dende 1970. O presidente da fundación agradeceu a labor da especialista que se encargou de recuperar e informatizar os fondos, Silvia Arca, e dixo que a entidade fará un «esforzo» para que o seu traballo continúe, xa que aínda queda moita documentación por recuperar, conservar e difundir.
No arquivo destaca unha ampla correspondencia, con cartas de Otero Pedrayo, Castelao ou Gala Murguía, entre outros. Mención merece tamén o primeiro libro de actas do Padroado, coa primeira acta do ano 1947. Hai, ademais, fotografías orixinais, sen contar o legado de Xosé Mosquera Pérez.
La Voz de Galicia
0 comentarios