«Esta edición de ‘Follas Novas’ busca facilitar a súa lectura».
Anxo Angueira (Manselle, Dodro, 1961) ven de presentar en Padrón unha edición crítica do libro Follas Novas de Rosalía de Castro. O escritor, profesor da Universidade de Vigo e presidente da fundación rosaliana explica que se decidiu a facer esta edición porque «era necesario», ao igual que o é facela da obra completa da autora, di.
Ese é, precisamente, un proxecto no que está inmerso Anxo Angueira, co apoio da editorial Xerais, e tras a revisión de Cantares Gallegos no ano 2013, agora fíxoa de Follas Novas. «E seguiremos con toda a obra en verso e prosa, en galego e en castelán, porque o conxunto da obra de Rosalía o merece», asegura o escritor.
Coa edición crítica de Follas Novas, que inclúe notas e comentarios do autor sobre o texto rosaliano, Anxo Angueira quere facilitar a lectura do libro ao alumnado, especialmente ao de Educación Secundaria e universidade, pero tamén aos estudosos. Facela levoulle máis de dous anos de traballo «minucioso», nos que se «meteu a fondo» no texto rosaliano, o que lle serviu para «afondar na figura de Rosalía de Castro e coñecer un pouco máis a súa dimensión poética e literaria».
Tamén lle serviu para ter unha «visión do conxunto da obra» e, con elo, «entendela mellor, de xeito global». Nese proxecto persoal no que está inmerso de facer unha revisión crítica da obra rosaliana, o seguinte será editar a prosa, explica.
Anxo Angueira quixo presentar o libro en Padrón coincidindo co Día de Rosalía, 24 de febreiro, unha data que nestes anos, asegura, foi «gañando espazos, protagonismo e peso» e fíxoo da man da sociedade e non das institucións, di. E iso é, precisamente, «o máis extraordinario» para o escritor, o feito de que centros educativos, asociacións e Concellos tomen a iniciativa para conmemorar a data do nacemento da poetisa.
Para Angueira, iso demostra que a «sociedade está viva e que ten viva a figura de Rosalía, que a ten moi presente» case 180 anos despois do seu nacemento, e destaca a implicación do ámbito escolar.
La Voz de Galicia
0 comentarios